Manifesto Miñor apoia a manifestación de Queremos Galego “Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística” en Compostela polo Día das Letras Galegas
Val Miñor, 16 de maio de 2025.- Dende Manifesto Miñor chamamos a toda a veciñanza do Val Miñor a participar na manifestación nacional organizada por Queremos Galego en defensa da nosa lingua baixo o lema “”Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística” que se vai celebrar en Compostela o vindeiro sábado, 17 de maio de 2025, e na foliada conmemorativa polo Día das Letras Galegas que, neste ano, vai dedicado as cantareiras que nos deixaron o inconmensurable legado da tradición oral.
Por cantar, rir e bailar,
Nunca se perdeu ningún;
Perdeuse por murmurar
Da vida de cada un.
Os datos aportados recentemente polo Instituto Galego de Estatística e os informes da Real Academia Galega e da Mesa pola Normalización Lingüística sobre o uso do galego permiten comprobar a situación de emerxencia da nosa lingua logo de 4 maiorías absolutas do Partido Popular. Resulta certamente alarmante que, por vez primeira na serie histórica, hai máis falantes de castelán que de galego, é dicir, a lingua galega converteuse en minoritaria.
Mais, con todo, a situación é crítica na infancia, xa que máis do 30% dxs nenxs e adolescentes entre 5 e 14 anos recoñecen non saber falar galego. Na actualidade, case un terzo dxs nenxs e adolescentes entre 5 e 14 anos, é dicir, persoas que tiveron a totalidade da súa escolarización baixo o amparo dun decreto que impide, por exemplo, que as materias científicas (Matemáticas, Tecnoloxía ou Física e química) se impartan en galego, non son quen de se expresar, ben oralmente, ben na escrita, en galego. Con estes datos, queda demostrado que o famoso Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, aprobado durante o primeiro goberno de Feijóo provocou que a presencia do galego no ensino pasase a ser testemuñal nos ámbitos científicos e tecnolóxicos, de modo que o galego pasou a ser unha lingua allea para quen se interesou por disciplinas técnicas. A consecuencia práctica das políticas galegófobas do Partido Popular están a vista: temos xa unha xeración que non domina, e mesmo rexeita, o galego.
O despoboamento do noso rural tamén xogou un papel fundamental na substitución lingüística que se está a producir en Galicia. Ao desapareceren as falantes máis vellas, desaparece tamén unha maneira de falar e sentir o País. E ao tempo, tamén está desaparecendo todo ese acervo cultural que nos legaron as nosas devanceiras e a quen este ano está dedicado o Día das Letras Galegas: as cantareiras e a poesía popular oral galega.
E o que está a facer o Partido Popular para reverter esta situación? NADA. Ben ao contrario, o goberno da Xunta de Galicia e moitos gobernos municipais do Partido Popular son cómplices, cando non promotores, da morte no galego. Só hai que ver, por exemplo, como o Concello de Baiona anuncia en castelán a súa programación polo Día das Letras Galegas.
Por todo iso, dende Manifesto Miñor consideramos que é fundamental a participación masiva de toda a cidadanía do País na manifestación do vindeiro sábado, 17 de maio, Día das Letras Galegas que organiza Queremos Galego! e, por suposto, a cantar e bailar na foliada posterior.
“Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística”.