Manifesto Miñor apoia a manifestación da plataforma Salvemos Santa Marta e anima a toda a veciñanza miñorá a participar para facer fronte a un atentado contra o medio ambiente

Val de Miñor, 4 de xuño de 2025.- Hai que paralos! Os recheos de Baiona atentan contra todo o Val Miñor. O goberno municipal do Partido Popular en Baiona teima na súa estratexia de privatizar a faixa litoral de Baiona. Tal é así que esta semana comezaron os recheos no Porto, malia o posicionamento en contra de gran parte da veciñanza do concello e de toda a Comarca, que non quere calar, pois calar sería convertese en cómplice dun atentado contra o medio ambiente, que hipoteca o futuro da praia de Santa Marta, de toda a baía de Baiona e mesmo de todo o Val Miñor.

Ademais, é fundamental frear as ínfulas especulativas do señor Almuíña e dun goberno municipal que, de seguro, non vai ter reparos en volver á carga coa construción do campo de golf de Baredo. Daquela, conseguirán converter Baiona (máis aínda) nun destino de turismo salvaxe para xente cun elevado poder adquisitivo ao que pouco lle preocupa a situación dos areais da contorna e as persoas traballadoras do mar. Mais tamén a veciñanza vai ser expulsada das súas vivendas de sempre, a fin de destinalas a residencias vacacionais ou para, unha vez reformadas, sexan mercadas por persoas de fóra “de máis nivel”.

O fortisímo impacto negativo dos recheos actuais veñen padecéndoo as veciñas e os veciños de Santa Marta, coa situación crítica do areal. Agora ben, malia os esforzos en negar a realidade do goberno municipal de Baiona, a realidade é que esta circunstancia reproduciríase noutras zonas da comarca, coa desaparición das praias do Val de Miñor, que pasarían a ser “artificiais” con aportes de area cada ano para “pasar o verán”. Toda a comarca debe tomar consciencia, pois é unha situación que hipoteca o futuro de todos os concellos do Miñor.

Dende Manifesto Miñor, chamamos a toda veciñanza do Val de Miñor, pois este é un problema que nos afecta a todxs, a tomar consciencia sobre este novo atentado medioambiental e a loitar conxuntamente para paralizar este proxecto que ninguén en Baiona está apoiando. Por este motivo, dende o noso grupo, que ten actividade en todos os concellos da Comarca, chamamos a participar na manifestación convocada pola plataforma Salvemos Santa Marta, o vindeiro sábado 7 de xuño, ás 20:00 horas, na Avenida Monterreal.

Comunicación Manifesto Miñor

Xuño 4, 2025

Etiquetas: , ,