Manifesto Miñor anima a toda a veciñanza da Comarca a participar en todas mobilizacións contra os recheos no porto de Baiona
Val de Miñor, 13 de maio de 2025.- Hai que paralos! Os recheos de Baiona atentan contra todo o Val Miñor. Que en pleno Século XXI haxa gobernos municipais en Europa que apadriñen e autoricen os recheos nas nosas costas, ademais dun anacronismo incomprensible, é ser cómplices dun atentando contra o Medio Ambiente da máxima gravidade, co único obxectivo de especular urbanistica e financieiramente. No caso de Baiona chove sobre mollado… e a estas alturas podemos afirmar que á faixa litoral do concello pouco lle falta para ser totalmente privatizada e vetada á veciñanza de Baiona e, en xeral, da Comarca Miñorá.
En Manifesto Miñor temos o convencemento de que, se isto lles sae ben, o seguinte paso será volver á carga coa construcción do campo de golf de Baredo. Daquela, conseguirían completar o crebacabezas dun negocio multimillonario ao converter Baiona nun parque temático ostentoso para persoas ricas e turistas pomposxs. Deste xeito, a veciñanza sería expulsada dos seus lugares de residencia de toda a vida e substituída por outra “de máis nivel”, como, por outra banda, xa está sucedendo noutras zonas da comarca e do País.
Semellante actuación non só empeoraría a fisonomía da fachada marítima da Baía de Baiona, senón que implicaría un fortisímo impacto negativo na biodiversidade da ría, ao provocar un cambio total das corrientes mariñas. A primeira das consecuencias xa a están padecendo as veciñas e os veciños de Santa Marta, coa situación crítica do areal; mais esta circunstancia reproduciríase noutras zonas da comarca, coa desaparición das praias do Val de Miñor, que pasarían a ser “artificiais” con aportes de area cada ano para “pasar o verán”. Tamén cómpre ter en conta a desaparición para sempre do importante legado arqueolóxico que, sen dúbida, agarda baixo as augas ser rescatado para coñecer mellor a nosa Historia.
Dende Manifesto Miñor, chamamos a toda veciñanza do Val de Miñor, pois este é un problema que nos afecta a todxs, a tomar consciencia sobre este novo atentado medioambiental e a se mobilizar. Por este motivo dende o noso grupo, que ten actividade en todos os concellos da Comarca, chamamos a participar en todas cantas mobilizacións se produzan para frear este disparate, comezando por apoiar a mobilización veciñal convocada o vindeiro venres, 16 de maio, ás 20:00 horas, na Avenida Monterreal.
Comunicación Manifesto Miñor