Manifesto Miñor acada o apoio unánime da Corporación Municipal para que o Goberno Municipal solicite unha xuntanza coa Consellería de Industria na procula dunha solución definitiva á situación do polígono d’A Pasaxe

Grazas a unha moción defendida polo concelleiro Antonio Araújo e apoiada unanimemente por todos os grupos da Corporación Municipal, o Goberno Municipal solicitará ante a Consellería de Industria unha xuntanza coa conselleira coa finalidade de artellar solucións para o polígono d’A Pasaxe.

No Pleno deste mércores, 13 de decembro, dende Manifesto Miñor presentamos unha moción para solicitar unha xuntanza urxente coa conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana Somoza, para lle demandar unha solución definitiva á situación do polígono d’A Pasaxe, logo das novas das últimas semanas que prognostican un adiamento sine die das obras. En consecuencia, o polígono d’A Pasaxe, que debera ser un motor económico para Gondomar e a comarca, vai sufrir unha nova parálise, insoportable para as empresas e preocupante para as persoas traballadoras, pois están en risco miles de postos de traballo, tanto os existentes nas empresas que poden marchar e como os de nova creación das empresas que se queren instalar. Nesta liña, resulta prioritario que a Consellería de Industria se implique e achegue o financiamento necesario para poder xestionar o proxecto aprobado.

 

Ademais, a pesar de que o señor Alcalde se mostre contrario á xuntanza con todas as partes implicadas, entendemos que a xuntanza debe contar coa participación de todas as partes implicadas, é dicir, todos os grupos da Corporación Municipal, a Asociación de Empresarios d’A Pasaxe e a Comunidade de Montes de Vincios. Hai que ter en conta, ademais, que don Paco Ferreira leva enganado e manipulado con este tema dende que chegou ao goberno. Nesta liña, cómpre recordar como o Alcalde preferiu acusarnos de alarmistas ante a nosa advertencia do pleno do pasado abril sobre a desactualización do orzamento das obras da Fase 1 do polígono ou como en plena campaña anunciou cun cartaz falso o inicio das devanditas obras. Ferreira non ten xa credibilidade neste asunto e, por iso, cremos que a Corporación Municipal no seu conxunto, por representar a toda a veciñanza de Gondomar, o empresariado do polígono e a Comunidade de Montes de Vincios, propietario de parte dos terreos da Fase 1 poden aportar moito e participar activamente no desbloqueo d’A Pasaxe.

 

Finalmente, a moción acadou o apoio unánime de todos os grupos da Corporación Municipal e, polo tanto, agardamos que sen demora o goberno municipal traslade á Consellería de Industria a nosa petición e, por suposto, solicitamos que a conselleira acepte a nosa proposta e tome a iniciativa neste asunto.

 

En Gondomar, 14 de decembro de 2023.

Manifesto Miñor.

Decembro 15, 2023

Etiquetas: , ,