Manfiesto Miñor vén de solicitar por escrito as achegas feitas polo Concello de Gondomar para a mellora do servizo de transporte público trala anulación da concesión a Lugove
Gondomar, 20 de outubro de 2025.- Dende Manfiesto Miñor, vimos de presentar un escrito solicitando ao goberno municipal as achegas feitas polo Concello de Gondomar, en resposta á petición da Xunta de Galicia e cuxo prazo para presentalas rematou hoxe luns día 20 de outubro, a respecto da mellora do servizo de transporte público trala anulación da concesión do servizo de transporte público de viaxeirxs á empresa Lugove.
Moitas son as denuncias presentadas polo noso grupo ante a precariedade do servizo e os incumprimentos da empresa concesionaria, por exemplo, nas frecuencias. Xa que logo, queremos que o Concello de Gondomar informe das achegas que se fixeron dende o goberno municipal para mellorar o servizo de cara a nova concesión. Para Manifesto Miñor, en todo caso, resulta fundamental que, entre outras melloras necesarias, o a nova concesión debe contemplar melloras en varios aspectos:
FRECUENCIAS
A nova concesión que vaia facer a Xunta de Galicia debe mellorar as frecuencias entre a comarca e a cidade de Vigo, mais tamén coa Universidade de Vigo e co Hospital Álvaro Cunqueiro. As frecuencias deben manterse durante todo o ano e non verse tan reducidas durante as fins de semana. Por suposto, en determinadas épocas do ano cómpre reforzar o servizo, para evitar que queden persoas usuarias non poidan subir ao autobús por falta de prazas.
NOVAS LIÑAS
Debe ser unha prioridade a creación de novas liñas, coas que conseguir os seguintes obxectivos:
1º) Conectar definitivamente os tres concellos da comarca, pois seguimos sen unha liña de transporte que permita a veciñanza de Gondomar ir a Baiona.
2º) Facilitar a mobilidade dentro do propio Concello de Gondomar, seguindo o modelo pioneiro, aínda que mellorable, do Nigranbus do Concello de Nigrán.
3º) Crear unha liña de autobús nocturo, sobre todo durante as noites dos venres e dos sábados, para que a veciñanza poida desprazarse de xeito seguro e sen necesidade de empregar vehículos particulares.
INFORMACIÓN
A información sobre horarios e frecuencias debe ser accesible. Na actualidade, a información na páxina web é confusa e pouco práctica para as persoas usuarias.
Dende Manifesto Miñor, lamentamos que o señor Ferreira non abrise un periodo de recollida de suxestións por parte da veciñanza e dos grupos da oposición. Con todo, e á espera de que dende o goberno municipal nos faciliten a información solicitada, imos realizar un estudo coas necesidades que nos está facendo chegar a veciñanza.
Manifesto Miñor