Iniciativa de apoio ao colectivo LGTBI
O noso rexeitamento a calquera tipo de discriminación por motivos de orientación sexual e identidade de xénero
Cada 28 de xuño, conmemórase o nacemento do movemento social e reivindicativo dos dereitos do colectivo LGTBI, con motivo do aniversario das revoltas de 1969 en Greenwich Village (Nova York) nas que a comunidade homosexual neoiorquina se enfrontou á opresión e persecución, tanto social como institucional, de persoas gais, lesbianas e transexuais. Corenta e seis anos despois deste fito histórico na loita contra os dereitos humanos, dende o Manifesto Miñor queremos sumarnos a esta conmemoración e, en consecuencia, mostramos o noso rexeitamento a calquera tipo de discriminación por motivos de orientación sexual e identidade de xénero.
O colectivo LGTBI segue a ser obxecto de continuos actos discriminatorios e violentos
A pesar dos avances da sociedade actual, sobre todo a partir da aprobación da Lei 13/2005 na que se recoñece o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, o colectivo LGTBI segue a ser obxecto de continuos actos discriminatorios, moitas veces de carácter violento. Xa que logo, cremos que os gobernos municipais teñen a obriga de contribuír decididamente á visibilización das reivindicacións de tantas persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais (LGTBI) e favorecer así a normalización do feito homosexual e transexual no ámbito local e a supresión de prexuízos retrógrados difundidos socialmente, que só impiden o avance cara unha situación real de igualdade, liberdade e respecto de todos os cidadáns e todas as cidadás.
Instancias presentadas nos tres concellos do Val Miñor
Por todo isto, dende o Manifesto Miñor demandamos aos novos gobernos municipais do Val Miñor, un compromiso real coas reivindicacións LGTBI durante este novo mandato que se acaba de iniciar. De feito, parécenos unha boa forma de comezar que, con motivo da festividade do Orgullo LGTBI, contribúan á visibilización e normalización deste colectivo colocando nos concellos a bandeira-símbolo do movemento homosexual e transexual.
Instancias presentadas nos tres concellos do Val Miñor: