Historia(s) con nomes de muller, por Mila Chapela
Propóñoche un xogo. Pregúntalle á persoa que tes ao teu carón, cal é o motivo de que o día 25 de novembro fose declarado DIA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES E AS NENAS. Tranquilizaríanos saber que a resposta correcta fose maioritaria, iso significaría que os movementos feministas destes últimos anos calaron entre a sociedade actual.
Moitas persoas saberán que esta acción foi iniciada polo movemento feminista latinoamericano fai 37 anos; e foino conmemorando o asasinato de tres mulleres, as irmás Mirabal, ocorrido na República Dominicana o 25 de novembro de 1960 por opoñerse á ditadura de Trujillo. O seu asasinato provocou que o pobo dominicano se mostrase cada vez menos partidario a ditadura e máis afín aos ideais das irmás, contribuíndo a espertar conciencia na sociedade latinoamericana de entón.
No entanto, e unha vez máis, a historia tratou de ocultar a figura destas mulleres, e tiveron que pasar mais de trinta anos para iniciar unha campaña de activismo para marcar o día 25 de novembro como o Día Internacional de Non Violencia, aprobado finalmente na Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 1993, na que por fin, ese Organismo Internacional ditaminou a urxente necesidade dunha aplicación universal que recoñecese os dereitos e principios relativos á igualdade, seguridade, liberdade, integridade e dignidade das mulleres e de todos os seres humanos.
Por se te preguntas ou che preguntan para que serve conmemorar o DIA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER, non teño a menor dúbida de que saberás e poderás explicar que ese día, como calquera outro “Día Internacional”m invita a levar a cabo actividades dirixidas a sensibilizar a opinión pública respecto de cada problemática.
Sensibilizar, concienciar, chamar a atención, sinalar que existe un problema sen resolver, un asunto pendente nas sociedades, para, a través destes movementos, demandar aos gobernos e aos estados que actúen e tomen medidas para erradicar eses problemas. Tamén para que a cidadanía de Gondomar llo esixamos aos nosos representantes máis próximos.
Deberiamos valorar dun modo moi positivo que, a maioría de nós, coñecésemos e apreciásemos o esforzo de millóns de mulleres en todo o mundo por erradicar a violencia e acadar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
Deberiamos reler a historia en clave feminina, só así, poderemos xulgar e poñer en valor esa loita e pensar que podería ocorrer se mulleres de todo o mundo non loitasen por conseguir o que hoxe temos asumido como dereitos ou avances propios e incuestionables e que para as mulleres do século pasado eran inverosímiles.
É urxente contar a historia tal e como transcorreu, dando ás Irmás Mirabal e a millóns de mulleres máis de todo o mundo a verdadeira dimensión que merecen, sacándoas do silencio que se lles nega nos libros de historia e dándolles o protagonismo real que han ter.
Milagres Chapela Iglesia
[Unha versión reducida deste artigo aparece publicada no número 1 de “a Cova da Becha“, o boletín periódico de Manifesto Miñor]