Gondomar contrata o servizo de control de pragas e prevención da Lexionela

legionela

A CONCELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, DO CONCELLO DE GONDOMAR, CONTRATA O SERVIZO DE CONTROL DE PRAGAS E DE PREVENCIÓN DA LEXIONELA.

Segundo diversos estudos da ONU, no ano 2050 aredor do 70% da poboación mundial vivirá en areas urbanas, fronte ao 54% que o fai actualmente. Son moitos os motivos que levan ás persoas a decidírense por un espazo urbano para vivir; entre outras razóns, poden estar as mellores prestacións sociais, máis oportunidades á hora de encontrar un medio de vida ou, simplemente, maior liberdade individual.

Aparición de pragas de ratas e cascudas nas rúas, nas urbanizacións, nos bloques de edificios

Por sorte, no caso de Gondomar vivir no rural aínda é sinónimo de calidade vida, algo que temos que preservar e mellorar para que o siga sendo por moito tempo. Con todo, nos últimos anos a Vila Gondomar medrou considerablemente e, á nosa escala, esta circunstancia trouxo consigo algúns problemas derivados dese aumento de poboación e de urbanización, ademais dunha climatoloxía favorable, que deron lugar á aparición de pragas de ratas e cascudas nas rúas, nas urbanizacións, nos bloques de edificios… Situacións que en poboacións máis reducidas ou atrasadas pasarían desapercibidas, nunha sociedade moderna coma a nosa feitos deste tipo provocan unha certa alarma cidadá que dende o Concello temos a obriga de resolver por unha cuestión obvia de saúde pública, mais tamén de imaxe.

Actuacións puntuais de eficacia reducida e elevados custes

Esta situación permanente, con rebrotes de maior intensidade nas estacións de bo tempo, víñanse combatendo ata agora con actuacións puntuais de eficacia reducida e elevados custes. Isto vai cambiar definitivamente dende este 1º de Agosto, despois de que por parte do Concello de Gondomar fose adxudicado a través dun contrato administrativo para a prestación dun servizo á empresa con sede en Mos, “KINDLING, Control de Plagas” .

A duración do contrato é dun ano por importe de 17.950.-€, e ademais do control de pragas e desinsectación de todas as rúas da Vila de Gondomar, edificos públicos, dos Colexios do Municipio, incluído o Rural Agrupado e da Pza. De Abastos, inclue tamén o control e prevención da Lexionela en todos os pavillóns, centros deportivos e colexios públicos propiedade o de compentencia municipal onde existen tanques de auga quente.

Gañando en calidade de vida, en imaxe e aforrando cartos públicos

Con esta contratación, dende a Concellaría de Medio Ambiente estamos convencidos que imos mellorar aínda máis a salubridade da nosa Vila e dos nosos centros publicos: de ensino, deportivos, Pza de Abastos, etc.

Gañando en calidade de vida, en imaxe e aforrando cartos públicos da cidadanía, ademais de lle dar cumprimento aos preceptos legais que actualmente obrigan á prevención da Lexionela.

 

En Gondomar, a 1 de Agosto de 2017.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente.

Agosto 5, 2017

Etiquetas: , , ,