Fracaso total da propaganda do Sr. Ferreira e do seu goberno: so se reparte o 10% das axudas ao comercio local
O pasado primeiro de abril, o BOPP publicaba as bases das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, que tiñan como obxecto “contribuír ao mantemento dos negocios afectados pola pandemia, que representan unha parte esencial da economía, crecemento e desenvolvemento local”. Así rezaba na propaganda oficial, con grande alarde tipográfico e de titulares, fotos, etc. O Sr. Alcalde e goberno municipal do PSOE vendían este feito pouco menos coma a panacea ou a salvación do comercio local. Dicíase no anuncio que os interesados podían presentar as solicitudes a partir do día 2 de abril e por un período de 30 días naturaies a través do Rexistro Xeral do Concello, e que poderían acceder ás axudas as empresas do sector da hostalaría que pechasen ou visen truncada a súa actividade temporalmente; tamén, os taxistas con licenza municipal e domicilio fiscal do vehículo no municipio e aquelas pequenas empresas (menos de 20 empregados) e autónomos cuxa actividade tamén se vise truncada pola pandemia.
En total, serían 100 000 euros procedentes da modificación orzamentaria en modalidade de crédito extraordinario financiado con remanente de Tesourería. A súa concesión tiña a forma de axudas directas: 1000 euros a restaurantes e salóns de banquetes de ata 250 m2 e de 1.200 euros no caso de que a superficie sexa superior. Cafeterías e bares, que cumprisen os criterios recollidos nas bases, subvencionaríanse con 1000 euros, e 100 euros no caso dos taxistas e de 300 para os autónomos ou empresas pertencentes ao comercio menor.
Lamentablemente, dende Manifesto Miñor xa lle advertimos ao Sr. Alcalde que esa vía non servía para axudar a ninguén por escasa, e porque ademais non era operativa para a maioría dos posibles negocios receptores da mesma. Agora, confirmase como rotundo fracaso á vista dos pobrísimos resultados de semellante experimento. Coma se dunha broma de mal gusto se tratase -a publicación no BOPP foi o 1º de Abril-, todo o mundo sabía da inutilidade de semellante proposta menos o Sr. Alcalde, que sempre se empeña en facer valer a súa postura e despreza as propostas ou opinións dos demais, como foi o caso dunha moción de Manifesto Miñor que o PSOE rexeitou sen sequera estudar o seu contido para poñer en práctica medidas reais e efectivas de apoio ao comercio local. A nosa proposta, que recollía algo tan sinxelo como xuntarse cxs comerciantes e negocios da Vila e escoitalxs, sería suficiente para obter mellores resultados.
O asunto é moito máis grave se temos en conta que Gondomar ten unha Concelleira de Comercio con dedicación exclusiva que lle custa ao erario público máis de 2.000€/mes. A señora Rocío Deolinda Goberna leva case dous anos no cargo de Concelleira de Comercio (máis dun ano dende que comezara a pandemia) e, no canto de defender ao comercio local, apláudelle as ocorrencias ao Sr. Alcalde mentres os comercios da Vila de Gondomar van esmorecendo ou pechando un tras outro. Dende Manifesto Miñor so podemos lamentar que non haxa vontade política nin propostas rigorosas e sensatas para a dinamización económica do concello.
O resultado de tran “brillante xestión” é un novo fracaso da xestión ineficiente deste goberno: como se pode observar na acta da concesión provisional exposta ao público na Web Oficial do Concello de Gondomar, dos 100 000 euros que se ían repartir, so van ser entregados aos negocios da Vila 11 600€, é dicir, pouco máis dun 10%.
Velaí a xestión dun goberno municipal, que con Pandemia ou sen pandemia, nos custa aos contribuintes máis de 300.000€/ano. Dende Manifesto Miñor, unha vez máis demandamos do Sr. Ferreira e ao seu Goberno que aparquen a soberbia e atendan ás propostas que dende os demais grupos da Corporación lle facemos e, sobre todo, que escoiten ás persoas que padecen directamente a recesión e os problemas nos seus negocios.
En Gondomar, a 4 de xuño de 2021
Asdo. Antonio Araújo Quintas.
Voceiro municipal de MM.