Exposición sobre Antón Alonso Ríos en Gondomar
Xosé Antón Araúxo, concelleiro de Turismo do Concello de Gondomar, convida a toda a veciñanza a visitar a exposición sobre a figura de Antón Alonso Ríos.
A inauguración da exposición terá lugar o vindeiros sábado 17 de marzo ás 20 horas no auditorio “Lois Tobio” de Gondomar. A exposición estará aberta de luns a venres en horario de 16 a 20 horas, ate o 31 de marzo.
Antón Aloso Rios
Antón Alonso Ríos (Campo Rapado – Silleda, 1887 – Bos Aires – Arxentina, 1980)
Antón Alonso Ríos é un dos persoeiros máis destacados na historia galega do último século pola súa labor no campo do ensino, pola súa traxectoria política dentro da colectividade galega en Arxentina e pola súa implicación no movemento agrarista durante a II República.
Conferencias
- Acto de inaguración ó día 17 ás 20:00 horas:
Carlos Méixome, historiador “Antón Alonso Ríos e Gondomar”. - Día 22 ás 20:00 horas:
Xosé Manuel Malheiro, prof. de historia de educacion (USC) “Fachos da luz: As Escolas Pro Valle Miñor e as Escolas de Provenir de Tomiño”.
ANTÓN
Antón Alonso Ríos naceu en Silleda no seo dunha familia de pequenos comerciantes. Pese ás súas orixes humildes cursou maxisterio en Compostela da man dun dos académicos galegos máis destacados da época, Vitor Fráiz Andión. A súa vocación pola docencia pronto a desenvolveu na Arxentina onde emigrou e onde continuou formándose no marco dun modelo educativo precursor na época. A par, inicia a súa andaina política no marco do asociacionismo galego na emigración, adquirindo en pouco tempo un papel preponderante dentro da colectividade. A súa labor neste ámbito, fan que sexa escollido pola Federación de Sociedades Gallegas y Culturales (FSG) como representante da emigración na asemblea “pro-Estatuto de Galicia” celebrada na cidade de A Coruña en 1931.
Aurora del Porvenir
Neste ano, Antón Alonso Ríos viaxa a Galicia e toma contacto co movemento agrarista participativo en diferentes actos nos que pronto adquire un papel destacado. Neste contexto coñece ao líder tomiñés Francisco Rodríguez Otero que xunto co Daniel Calzado Poceiro o propoñen para a dirección da escola de emigración “Aurora del Porvenir”.
De 1932 até 1936, Antón Alonso Ríos impartirá aulas en Tomiño. Este período foi cualificado por el mesmo como “cinco anos fermosos preto do Miño”. En Tomiño, levou á práctica un modelo educativo innovador. Adoptou un novo xeito de ensinar que conxugaba prácticas pedagóxicas experimentadas noutras latitudes europeas e do continente americano, e que el soubo completar con propostas propias.
Foi así como a escola que coñecemos como “Aurora” converteuse nun centro escolar de vangarda que destacaba nun rural esquecido polo Estado, e no que a rede pública de escolas caracterizábase por ser un sistema educativo obsoleto e denostado pola poboación labrega.
A súa sona traspasou as fronteiras baixomiñotas…
A “Aurora del Porvenir” erixiuse da man de Alonso Ríos nunha escola amada polos nenos e nenas. Unha escola onde cultivaban produtos do campo e desenvolvían procesos de experimentación nun viveiro agrícola. Foi unha institución na que se introduciron prácticas novidosas procedentes doutros países, coma a ximnasia sueca, un centro onde a aprendizaxe viña por medio da experimentación, onde a razón primaba sobre a fe. A súa sona traspasou as fronteiras baixomiñotas e os seus boletíns escolares chegaron a outros lugares. Os escolares protagonizaron reportaxes nos xornais da época e a “Aurora” abandeirou o modelo dunha nova escola para o rural.
Mas a labor de Antón Alonso Ríos en Tomiño non se reduciu ao campo educativo, senón que a súa vocación de mestre levouno a actuar no plano político onde sempre se definiu como “agrarista”. No seu pensamento a acción política pasa por ser unha ferramenta fundamental para levar á práctica o modelo educativo que permitiría a transformación do agro. Os seus mitins aínda hoxe son lembrados por veciños e veciñas que recordan o seu nome e a súa palabra a pesares dos esquecementos forzados durante anos.
A súa tenacidade por acadar a igualdade social…
A súa tenacidade por acadar a igualdade social nun rural próspero levouno a ser elixido dentro do Frente Popular nas eleccións a Cortes de 1936. Durante os meses previos á sublevación militar, combinou a súa labor cmo mestre coa de deputado en Madrid. O golpe militar e o inmediato conflito bélico obrigouno a fuxir estando en risco a súa vida e a da súa familia. Durante máis de dous anos, percorreu a xeografía galega facéndose pasar polo esmoleiro portugués Siñor Afranio. A fins de 1938 consegue pasar a Portugal e de aí a Bos Aires a onde chega como exiliado político. De volta no país americano desempeñará diferentes cargos institucionais do goberno galego no exilio e desenvolverá o seu pensamento educativo sobre o que publicará diferentes obras pedagóxicas.
Faleceu no ano 1980, sendo o máximo representante do Consello de Galiza. Hoxe os seus textos sobre educación son estudados por historiadores e por profesionais da educación debido á riqueza do seu pensamento. En Tomiño persiste a súa lembranza entre os seus antigos alumnos e alumnas, xa moi maiores, que o recordan como o bo mestre que foi.
En novembro de 2016 o nome de Antón Alonso Ríos foi escollido por votación popular para ser o novo nome do centro de ensino secundario de Tomiño. O 30 de xaneiro de 2017 o IES Tomiño pasou a chamarse IES Antón Alonso Ríos.
Texto: Natalia Jorge
ANTÓN ALONSO RÍOS ENSINO, POLITICA E CONCIENCIA CIDADA
Para entender o pensamento pedagóxico de Antón Alonso Ríos debemos partir da súa profunda admiración por Francisco Giner de los Ríos, fundador da Institución Libre de Enseñanza. Admiración que nace por influencia de Víctor Fraiz Andón e de Luis López Elizagaray, profesores da Escola Normal de Maxisterio de Compostela.
Loitar fronte ao arcaico sistema universitario oficial e o seu control político
Antón Alonso Ríos admiraba a Giner por ser quen de impulsar unha rebelión intelectual contra o goberno de Narváez e o seu ministro, o marqués de Orovio; de loitar fronte ao arcaico sistema universitario oficial e o seu control político, e de colocar a primeira pedra dunha nova sociedade fundando un proxecto pedagóxico como foi a Institución Libre de Enseñanza (ILE).
Na ILE, Francisco Giner logrou congregar a unha parte importante do movemento integracionista do 98, e das súas aulas saíu aquel grupo de intelectuais e artistas que se ¡identificou como a Xeración do 27.
Formar á xente evitar a emigración, retendo en Galicia este potencial humano tan necesario….
Do mesmo xeito que Giner fixera en Madrid a finais do século XIX, o político dezao soñaba con erguer en Galicia un proxecto inspirado no institucionismo, pero adaptado á realidade rural, a partir da iniciativa societaria dos galegos de Ultramar.
O seu labor á Fronte da Federación de Sociedades Gallegas, Agrarias y Culturales foi encamiñado, nunha parte importante, á creación dunha rede de escolas de ensino primario, coñecidas popularmente como ‘escolas laicas’ ou ‘escolas de emigrantes’.
Antón Alonso Rios perseguiu reagrupar todo ese traballo colectivo nunha federación de escolas, nunha rede organizada e encamiñada a un fin concreto: formar á xente do campo para evitar a emigración, retendo en Galicia este potencial humano tan necesario para a rexeneración social e o desenvolvemento económico do país. Unha rede que había de levar por nome Escolas Especiais de Economía Rural.
Na década dos 20, algunhas sociedades que non pertencían á Federación, levantaban escolas nas súas respectivas parroquias, que logo entregaban ao Estado. Ao contrario, pensaba Alonso Ríos, as escolas federadas debían formar tamén unha corrente popular opositora de carácter espontáneo que influíra na caída do sistema identificado coa ditadura de Primo e a monarquía borbónica que a sostiña.
O seu traballo como mestre na Arxentina permítelle comparar o modelo educativo daquel país co que coñeceu en Galicia
O seu traballo como mestre na Arxentina permítelle comparar o modelo educativo daquel país co que coñeceu en Galicia, confirmar as deficiencias e analizar aspectos organizativos que, sendo obxecto de debate pedagóxico, vai incorporar máis tarde ao seu proxecto de escola rural galega. Por exemplo, a conveniencia de graduar os distintos niveis do ensino; a importancia de artellar unha inspección útil e efectiva; a urxente necesidade de dignificar social e economicamente o traballo docente; a conveniencia de adaptar as escalas ao medio sociocultural galego, incorporando un currículo propio con ensinanzas profesionais –agrícolas no medio rural, mariñeiras nas zonas de costa–; a obriga de implantar criterios pedagóxicos nos deseños arquitectónicos dos centros; ou, en fin, a obriga solidaria de prestar atención á educación de adultos mediante programas de alfabetización.
En 1993 presentou ao Seminario de Estudos Galegos, xunto con Xosé Filgueira Valverde e o mestre galeguista Xosé Núñez Búa entre outros, un plano sobre o ensino primario e a formación agrícola infantil. Concretábase na creación do Padroado da Escola Rural Galega, un instrumento colectivo que partía da Federación con capacidade para desenvolver o seu proxecto pedagóxico, cimentado sobre estes tres piares: ensino, política e conciencia cidadá.
Texto: Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez
Fotografías: Diana Alonso, Mario Rodríguez Gómez, Arquivo da Emigración