En tempos de fibra óptica, tendidos de teléfono do século XIX nas parroquias de Gondomar
Manifesto Miñor demandará no vindeiro Pleno da Corporación Municipal de Gondomar unha solución urxente.
Na foto que encabeza este escrito, pódese obversar o estado da conexión telefónica en Chaín. Así está dende mediados de decembro a veciñanza do barrio da Torre, a pouco máis dun kilómetro do centro da Vila de Gondomar. O pesadelo destxs veciñxs comezou a primeiros dese mes, cando a compañía propietaria da liña (Telefónica/Movistar) procedeu a substituír algúns postes en mal estado que soportan o tendido do cable telefónico na zona.
A partires dese momento as persoas usuarias con domicilios por riba de onde foron substituídos os postes comezaron a ter problemas, tanto nas liñas de teléfono coma nas conexións ADSL, quedando sen servizo dende o 14 de decembro.
Xusto aí comezou o calvario dxs veciñxs afectados ao ter que soportar por parte das empresas que prestan os servizos un continuo botar balóns fóra e desentenderse do problema, con escusas tan peregrinas como a situación do enmarañado dos cables que precisaría de varios operarios para resolvelo. E mentres seguen sen un servizo básico, sobre todo nun tempo de pandemia onde o traballo telemático, clases on-line etc. están a orde do día.
Dende Manifesto Miñor consideramos intolerable esta situación, cando a todas estas empresas e aos gobernos se lles enche a boca co avance da fibra óptica, mentres temos situacións terceiromundistas a 3 minutos do centro da Vila. Por este motivo, Manifesto Miñor vai levar este asunto ao Pleno da Corporación Municipal deste xoves día 4 de febreiro, para que o Goberno Municipal tome cartas no asunto e lle esixa aos responsables desta situación unha solución inmediata.
En Gondomar, a 2 de febreiro de 2021.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.