As prioridades de Ferreira. É necesario un parque con “pipicán” en Gondomar?

PACO FERREIRA VAI GASTAR 85 000€ NUN NOVO PARQUE Á BEIRA DO MIÑOR, CON “PIPICÁN” INCULÍDO, MENTRES  SE NEGA A SINAR UN CONVENIO COAS PROTECTORAS DE ANIMAIS PARA QUE ACOLLAN E ATENDAN CORRECTAMENTE AOS CANS E GATOS ABANDONADOS OU MENTRES AS PARROQUIAS CARECEN DE SERVIZOS BÁSICOS.

 O anuncio da construción dun novo parque á na beira do Río Miñor (con “pipicán” incluído), feito con grande despregue propagandístico e  de medios técnicos (vídeo, infografías, planos…) vén a demostrar a nova fase pre-electoral-desesperada na que acaba de entrar o Sr. Ferreira e que lle impide actuar con criterios de racionalidade política. O conto é vender o que sexa gastando os cartos que no temos en propaganda.

O lugar escollido para semellante ocorrencia é onde a Xunta de Galicia quixo construír o macro bombeo de fecais (mal chamado “tanque de tormentas”), paralizado polo Concelleiro de Urbanismo e que a día de hoxe aínda está sub-iudice. O que sempre demandou a veciñanza da zona, e Manifesto Miñor comparte, é acondicionar o terreo (tapar o buraco, sementar herba, plantar árbores autóctonas e poñer uns bancos; non máis de 5 000€ de gasto), como se fai nos países civilizados e modernos de todo o Mundo: respectar as beiras dos ríos sen lousas, sen formigón, ou sen especies exóticas. Por certo, trátase dunha zona verde froito do Plan Xeral do 1997, aquel PXOM que nos deixou grandes espazos libres de edificacións e que o PSOE tombou irresponsablemente deixando a Gondomar espido de ordenación urbanística ata hoxe.

U-lo convenio coas protectoras de animais?

Gastar agora 85 000€ nun parque que se pode facer con 5 000€, anunciar un “pipicán” coma se viviramos nunha grande urbe e, o que resulta máis grave, negarse a asinar o convenio coas protectoras de animais para que poidan recoller e tratar dignamente aos cans e gatos abandonados é un despropósito que só se explica pola proximidade das eleccións municipais. Hai que ter en conta que Gondomar segue adherido ao servizo de recollida de animais promovido pola Deputación de Pontevedra e cuxo funcionamento está moi cuestionado polas organizacións animalistas e polas protectoras locais. Para Manifesto Miñor é unha prioridade buscar alternativas á recollida de animais de CANN, asinar convenios de colaboración coas protectoras locais e favorecer as súas actuacións no concello de Gondomar e garantir un tratamento digno dos animais abandonados.

As parroquias sen saneamento.

Con todo, o máis grave é que no Termo Municipal de Gondomar aínda hai centos de vivendas e ducias da barrios sen servizos básicos como auga pública ou saneamento. Eses 85 000€ poderían investirse nas obras do saneamento para, progresivamente, atender as demandas da veciñanza das parroquias, á que Paco Ferreira ten esquecida; porén, como o goberno de Gondomar non quere obras soterradas que no se ven e, polo tanto, non locen, prefire as que quedan coma un escaparate aínda que non sexan tan urxentes nin respectuosas co medio natural.

O gasto en benestar social, conxelado pola falta de orzamentos.

Por último, hai que lembrar que 85 000€ é todo o orzamento que ten a concellaría de Benestar Social para todo o ano. Así levamos varios anos, pois en tres anos, o señor Ferreira non foi quen de nos presentar uns orzamentos municipais.

Dende Manifesto Miñor esixímoslle ao señor Ferreira que se deixe de proxectos electoralistas e que atenda as necesidades básicas da poboación. Que saiba o señor Ferreira que as parroquias tamén existen e que hai moitxs veciñxs con necesidades urxentes que atender. Esas deben ser as prioridades nos tempos de vacas fracas.

En Gondomar, a 11 de xaneiro 2019.

Asdo. Antonio Araújo Quintas.

Concelleiro de Manifesto Miñor e voceiro do grupo municipal en Gondomar.

Xaneiro 17, 2019

Etiquetas: , , , ,