De onde son as plantas que “non son de aquí”?, por Xosé Ramón García
Hoxe, mentres pensaba nestas liñas que estou a escribir non podía menos que lembrar ao amigo Luís Freire, que a miúdo lembraba o vello aforismo botánico “toda planta recén chegada conta con 100 anos de impunidade”. O Luís non chegou a tempo de coñecer a corrección, feita con datos máis científicos, que marca unha media de 147 anos para que unha invasión de especies arbóreas exóticas teña éxito, cumprindo as súas tres fases (transporte, aclimatación e colonización) desde a primeira introdución ata a fase invasiva. Así, desde 1991 temos o pracer de saber que o eucalipto (Eucaliptus globulus) está a ser atacado polo gorgullo do eucalipto (Gonipterus scutellatus). Por certo, quen Isto asina escoitou hai pouco entre xente do monte a expresión “o eucalipto do país” en contraposición ao Eucaliptus nitens. Vamos, que os tempos se están a cumprir.
Pero botemos unha ollada ao panorama actual no campo na nosa contorna, o Val Miñor. Todo o mundo acepta que a Crocosmia crocosmiflora (=Tritonia crocosmiflora) que está a invadir os nosos cursos fluviais hai máis de 40 anos é unha recen chegada, que compite (de momento con avantaxe!) coas especies “autóctonas”. E non parece que haxa quen poña freo á expansión da herba das Pampas ou plumeiros (Cortaderia selloana), que como quen di, acaba de chegar (tamén introducida nos nosos xardíns e autopistas!!)
Seguramente non acadaríamos a mesma aceptación se nos referíramos a outras plantas menos aparentes, pero que se están a introducir amodiño nos nosos ecosistemas, en especial a partir dos cultivos e da xardinería. Penso nas dúas especies de gramón que hoxe ocupan os nosos campos e xardíns, o gramón americano (Stenotaphrum secundatum) e o gramón africano ou kikuio (Pennisetum clandestinus =Cenchrus clandestinus), que introducimos desde Kenia.
Pero, xa postos, pensa noutras planta que estamos afeitos a ver en todos os nosos muros vellos. Non hai tanto que chegaron aquí. Os paxariños (Cymbalaria muralis), que estamos afeitos a ver florecer durante case todo o ano nos nosos muros, proceden de territorios subalpinos, da vella Iugoslavia. E a margarida dos muros (Erigeron karvinskianus), que ven de México, non era coñecida na Galiza en 1900. Pero a cambio pensemos na expansión que está a ter o noso toxo arnal (Ulex europaeus) en medios de montaña de Colombia –só coñecemos estas noticias cando supoñen un impacto-, onde foi imprudentemente introducido pola facilidade de propagarse para formar sebes espiñentas que impediran a fuxida do gando.
Como vemos, todo pode ser cuestión de tempo. E ti, de onde es? Canto tempo leva a túa familia no Val Miñor?