CONFLUENCIA ELECTORAL O 24 DE MAIO
O Manifesto informa sobre os contactos mantidos nos últimos días cos diferentes movementos sociais, organizacións políticas, etc, da comarca para unha confluencia electoral o 24 de maio.
En primeiro lugar temos que dicir que as xuntanzas desenvolvéronse nun marco de cordialidade coa intención compartida de poñer en común os obxectivos e as propostas que nos unen (Códigos Éticos, procesos de Primarias Abertas á cidadanía en xeral, Liñas Programáticas, etc.), para poder superar as discrepancias e os impedimentos e confluír sobre a base destes dous eixos fundamentais:
Que precisamos da SUMA DE TOD@S, sen excluír a ninguén: aquí tod@s somos necesari@s.
Que precisamos revisar como se incluirían nos procesos abertos ás forzas políticas sen as interferencias dos seus aparatos nos mesmos. Entendemos que as estruturas partidarias poden alterar con vellas prácticas os modelos de candidaturas de unidade veciñal e en consecuencia coartar a participación daquelas persoas que nunca participaron activamente en política.
POR ISO, CÓMPRE ACLARAR O SEGUINTE:
O Manifesto Miñor (MM) ten o máximo desexo de confluír e a máxima vontade para que iso aconteza, sempre que esa converxencia sexa adoptada COLECTIVAMENTE a través dun método PARTICIPATIVO.
Os Grupos de Traballo do MM debateron e estudaron en profundidade os impedimentos que o grupo Gondomar Concello Aberto manifestou para se integrar na proposta de confluencia que propoñemos, co ánimo de superar procesos anteriores considerados como negativos e convencid@s de que podemos construír en común unha alternativa que nos una e nos achegue ás demandas da veciñanza.
PRIMAR O COLECTIVO DIANTE DAS INDIVIDUALIDADES
Ante a discrepancia xurdida con Gondomar Concello Aberto por apostar por listas diferenciadas para @s aspirantes a alcaldables do resto de aspirantes, e entendendo que o obxectivo principal, tamén para o MM, é PRIMAR O COLECTIVO DIANTE DAS INDIVIDUALIDADES, acordamos presentar na nosa asemblea aberta a proposta de lista única, sen diferenciación de aspirantes alcaldables, para ser referendada polo común.
Ante a discrepancia de integrar o grupo local de Gondomar na nosa estrutura comarcal, o MM entende que se trata dun punto de difícil negociación polo seguinte:
Porque convertería de facto ao MM nun partido político máis, cando a nosa proposta de partido instrumental só ten como finalidade poder darlle entrada ás institucións aos movementos cidadáns e veciñ@s non organizados que de non usar esta ferramenta nunca o farían
Porque implicaría a renuncia dunha construción colectiva comarcal con presenza real das parroquias no proceso, ademais de perder a posibilidade de sumar os votos da Comarca (que se poderían ampliar ao resto do Partido Xudicial)
- Grupos de traballo ABERTOS, PARTICIPATIVOS e COLABORATIVOS
Tendo en conta as devanditas discrepancias (non irresolubles), o MM aposta por unha confluencia nun único proceso de primarias e de debate, sempre que se respecte a nosa actividade comarcal. Xa que logo, a confluencia con Gondomar Concello Aberto ten que se desenvolver en condicións de igualdade para as persoas que vimos traballando nos dous procesos. Ademais, a confluencia con Gondomar Concello Aberto tería que artellarse en grupos de traballo ABERTOS, PARTICIPATIVOS e COLABORATIVOS e dependentes dunha Asemblea Cidadá única.
Sumar e non restar
Entendemos que obxectivamente, e sempre baixo a premisa de sumar e non restar, a estrutura presentada polo MM é máis flexible á hora da inclusión de Gondomar Concello Aberto, cousa que resultaría imposible ao revés.
En todo caso, reiteremos a nosa disposición á confluencia, e que en ningún caso debería ser un impedimento para a mesma unha cuestión formal ou como denominar na papeleta de votación o resultado desa necesaria unidade.
Val Miñor, 12 de marzo de 2015.
Grupo Coordinación Manifesto Miñor.