Carta aberta de Antonio Araújo, voceiro de Manifesto Miñor, ao Señor Presidente do Gondomar CF

Ben querido David:
 
Leo cunha certa tristura a crítica que hoxe fas nas redes sociais á oposición municipal por algo tan lóxico e democrático como é pedirlle explicacións ao Goberno Municipal sobre o acontecido co muro ou baranda no campo municipal de fútbol das Gaiandas o pasado sábado. O importante é que non pasou nada, pero, e se pasase, cal sería a túa opinón a día de hoxe, quen serían para ti os responsables?
 
Como representante lexítimo da veciñanza de Gondomar, mesmo como socio que fun moitos anos do Gondomar CF até que me “expulsaron” pola calada deixando de me cobrar a cota, coido que teño dereito a matizar as túas palabras.
 
Verás: o Gondomar CF é un clube centenario, referente en toda Galicia e fóra dela, e, por iso, mesmo moi respectado polas importantes achegas que leva feito ao fútbol do País. Quero dicir con isto que ser o seu Presidente, ademais dunha honra, ten un plus de responsabilidade que se debe manifestar na prudencia á hora de facer certo tipo de declaracións públicas. Perdoa que cho diga, pero neste caso non estiveches á altura.
 
Como saberás, entre as funcións dos grupos da oposición está a de fiscalizar democraticamente ao Goberno Municipal, propoñer alternativas, preguntar, rogar, etc. Isto tamén serve para o caso que nos ocupa, pois consideramos lexítimo pedir explicacións para que non volva ocorrer o mesmo. Sen oposición non hai Democracia.
 
En todo caso, estarás de acordo comigo que non é lóxico que, despois de gastar máis 400 mil euros en poñer herba artificial e outras reparacións no campo, un muro que estaba en mal estado se resolvese dandolle unha man de pintura azul porriba. O meu voto en contra dese gasto no pleno do 18 de abril de 2024 expliqueino con claridade, argumentando que o consideraba NON PRIORITARIO, pois as Gaiandas tiñan herba natural, mentres en Gondomar hai centos de veciños e veciñas nas parroquias sen auga pública e sen saneamento. Como ti sabes, eses 400 mil euros sairon do AFORRO DE TODXS XS GONDOMARENSES, xa que non houbo subvención de ningún tipo.
 
En política hai que ser honestos e falarlle claro á cidadanía, aínda que iso poida molestar; esa foi e será sempre a miña práctica en política.
 
Recibe un cordial saúdo de quen te admira e che desexa o mellor, pois os teus éxitos serán os do noso querido Gondomar CF.
 
En Gondomar, a 30 de abril de 2025.
Antonio Araújo Quintas.
Abril 30, 2025

Etiquetas: ,