BORRADOR CODIGO ÉTICO DEFINITIVO e PROCEDEMENTO DE PRIMARIAS ABERTAS _ enmendas ate sábado 28 Febreiro

NORMATIVA PARA ELIXIR AS CANDIDATURAS MUNICIPAIS DO VAL MIÑOR, E ELIXIR A PERSOA QUE ENCABECE ESTA CANDIDATURA

INTRODUCCIÓN

Manifesto Miñor é o espazo de confluencia veciñal de cara ás eleccións municipais de maio de 2015. Nel participa cidadanía miñorana, persoas dos movementos sociais e dos colectivos organizados politicamente que pretenden transformar a acción de goberno municipal dándolle o protagonismo á xente das nosas vilas.  Manifesto Miñor nace cunha clara visión comarcal e é unha iniciativa veciñal onde todo o mundo con vontade de traballo é benvido. Tódalas persoas que participan no Manifesto Miñor  fano de xeito autónomo e independente, achegando o seu graniño de area ao proceso. Xente que concorda na necesidade dunha rexeneración da democracia que permita acabar coa corrupción sistémica e a falla de transparencia nos tres concellos. Xente que se comprometa a ser honesta e transparente.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS E OBXECTIVOS

O obxectivo é ser unha ferramenta que permita devolverlle o control á cidadanía, que permita que sexamos nós, a xente do común, os e as que conformemos as institucións, un amplificador para que se nos escoite, un espazo onde todos e todas somos necesarias.

Para logralo busca unir esforzos de individuos e colectivos, facendo un chamamento tanto aos veciños e veciñas do Val Miñor como os diversos movementos  asociativos que o conforman, sexan estes sociais, culturais ou políticos.

Como expresión desa vontade compartida as persoas que forman Manifesto Miñor desexan concorrer ás eleccións municipais cunha candidatura conxunta que sairá dun proceso de primarias aberto no que todas aquelas cidadás e cidadáns que o desexen poderán escoller ás candidatas e os candidatos directamente ordenándoas segundo a súa preferencia.

Para iso, estamos implicad@s no reforzo dos mecanismos democráticos cara a unha maior participación política de toda a cidadanía. Traballamos para instaurar prácticas de goberno aberto na institución municipal que conecten permanentemente coa vontade da xente.

Cómpre, para isto, unha meirande participación da cidadanía que se involucre na xestión diaria do concello mediante redes colaborativas de achegamento cidadán, mais tamén é necesario dotármonos de estruturas políticas participativas, abertas e reflexivas que intermedien para posibilitar que esa mesma cidadanía elixa, do xeito máis democrático e formado posible, os que serán os seus representantes políticos.

Por cousa disto, dende Manifesto Miñor, presentamos un innovador proceso para elixir a candidatura polo conxunto da base social que se identifica co noso proxecto renovador:

Un regulamento que responde aos seguintes principios:

  1. Será de doada comprensión e transparente en todas as súas fases.
  2. Dará reflexo da pluralidade de persoas que integran o Manifesto Miñor.
  3. Ofrecerá un trato igualitario e xusto para todas as persoas que concorran ao proceso de primarias.
  4. Garantirá que todo o poder de decisión recae no voto cidadán.
  5. Establecerá un sistema de garantías que asegure o seu cumprimento.

¿POR QUÉ UN REGULAMENTO DE PRIMARIAS?

Non hai auténtica vocación renovadora e democrática que non se manteña na permanente confianza da xente que o sustenta.

Con todo, tamén caben distintas maneiras de entender as concrecións políticas do programa de Manifesto Miñor, por isto queremos a meirande participación no propio debate sobre o programa electoral, e a elección das persoas que decidamos en conxunto máis acaídas para a súa representación.

O noso regulamento de elección da candidatura vai alén do mesmo momento de confección da listaxe. Como levamos dito a representación exércese sobre a totalidade do tempo de mandato, e non podemos obviar a necesidade de establecer un mecanismo de participación con esa mesma candidatura que resulte elixida, durante o tempo total do seu mandato. O radicalismo democrático que defendemos implica establecer mecanismos de retroalimentación permanente das persoas elixidas coa súa base. Estes mecanismos poderían supoñer a esixencia explícita do abandono da representación no caso de manifesta perda de confianza.

Por este motivo elaboramos un modelo rigoroso de participación na confección das candidaturas para as eleccións municipais e de seguimento na xestión municipal.

Estes son os eixes fundamentais:

  • O mandato representativo pertence aos electores. Establécese un compromiso entre as persoas representantes e o seu electorado.
  • A participación cidadá é un proceso permanente e non unha delegación absoluta para un período de tempo.
  • As persoas que queiran exercer o mandato representativo deberán comprometerse coas condicións establecidas neste regulamento e asinar o compromiso que figura nel.
  • Favorecer a participación implica a necesidade de aproveitar todos os recursos técnicos dispoñibles para adaptarse ás posibilidades diversas de todas as persoas interesadas.

1.- ¿QUEN ARBITRA O PROCESO? Xestión do proceso electoral:

A dirección do proceso electoral, e todas as cuestións relacionadas con el, correspóndelle á Asemblea en Común que delegará na coordinadora do Manifesto Miñor, que a súa vez se apoiará nunha comisión creada especificamente para esta misión.

A dirección do proceso electoral Comité Electoral.

  1. O comité electoral estará composto por cinco persoas.
  2. Os membros do comité serán escollidos pola Asemblea en Común por consenso entre as persoas presentes e aquelas persoas que manifestasen a súa vontade por formar parte del. Respectarase en todo caso o criterio de paridade de sexo entre os membros do comité.
  3. Quedan excluídas del aquelas persoas que participen como aspirantes no proceso de primarias.
  4. As xuntanzas desta comité serán abertas a toda a cidadanía, que coñecerá cunha antelación de 24 horas dentro do posible as datas, horas e lugares onde se celebren. Así mesmo, as súas actas serán públicas e divulgaranse polos medios habituais de comunicación de Manifesto Miñor
  5. O Comité Electoral comprométese a que todas as persoas aspirantes reciban apoio equitativo por parte de todas as súas estruturas e a protexer e. garantir a privacidade da información que se lles solicite.
  6. Será función do comité electoral velar polo cumprimento do calendario electoral e das normas presentes neste regulamento.
  7. O Comité terá que elaborar a información pública de promoción da participación no proceso de primarias.
  8. O Comité será o encargado de interpretar este regulamento na resolución das posibles queixas, denuncias e irregularidades que se poidan dar durante o proceso de primarias así como de interpretar os baleiros do presente regulamento.
  9. O comité electoral tomará as súas decisións de acordo co mecanismo presente no documento que regula a estrutura interna de Manifesto Miñor.
  10. O comité electoral poderá incorporar membros con voz pero sen voto que teñan perfil profesional legal e que o asesoren na interpretación do presente regulamento así como na interpretación da lexislación vixente en materia de réxime electoral.
  11. Terá a encomenda de realizar o sorteo para a composición da mesa ou mesas electorais así como de regular a aplicación telemática para o voto electrónico.
  12. A Asemblea en Común do Manifesto a proposta do Comité Electoral terá a capacidade de revogar as persoas aspirantes que non cumpran o presente regulamento das primarias.
  13. Todos os acordos do Comité Electoral poderán ser impugnados pola Asemblea en Común do Manifesto Miñor.
  14. A comisión electoral será a encargada do proceso. Unha vez finalizado o proceso se lle comunícanselle os resultados á coordinadora
  15. A coordinadora se encargarase de publicar os resultados e buscar sitio para as mesas electorais.
  16. En caso de se precisaren avais, a comisión electoral, garantirá o anonimato dos avais das persoas candidatas.

2.- ¿QUEN PODE VOTAR? O censo electoral:

As primarias serán abertas a todas as persoas maiores de 16 anos que queiran participar nelas.

  1. Para poder participar neste proceso realizarase un anexo do censo electoral coas persoas que queiran participar nel. Para integrarse neste censo deberá ser residente no termo municipal do concello onde pretenda participar, ou ser nacido nel, identificarse co proxecto de Manifesto Miñor ou asinalo no seu dia. Tamén poderán votar as persoas que sen ser residentes acrediten vencellamento co concello e deberá acreditarse mediante algún documento identificativo, acreditación de empadroamento, domiciliación bancaria, escritura da casa, contrato laboral, etc. Correspóndelle á persoa interesada acreditar calquera das circunstancias anteriores ou autorizar unha persoa designada pola organización para que o faga. Para tal fin poranse mesas de recollida dos datos nas parroquias nas datas que a comisión electoral decida. As persoas tamén terán a posibilidade de inscribirse no mesmo local onde se leven a cabo as votacións presenciais e entrarán a formar parte do censo do Manifesto Miñor.
  2. Será precisa a inscrición previa no censo para aquelas persoas que opten polo voto telemático. O Comité Electoral habilitará as ferramentas adecuadas (mail, web…) para realizar esta inscrición. Para inscribirse no censo telemático será necesario ser asinante do Manifesto Miñor no seu momento.
  3. Só se poderán votar os representantes dos seus concellos
  4. Os datos recollidos no proceso de votación serán incorporados e tratados nun ficheiro de titularidade de Manifesto Mñor para o seu uso exclusivo no eido desta iniciativa de acordo co artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal.
  5. No caso de que se teña que celebrar unha segunda volta, o censo será o mesmo que o feito para a primeira volta.

3.- ¿QUEN SE PODE PRESENTAR? Persoas aspirantes a formar parte da candidatura municipal:

  1. Calquera persoa maior de 18 anos poderá postularse para ser candidata nas primarias do Manifesto Miñor. Estas persoas deben reunir os requisitos que figuran na lei para ser elixibles nunhas eleccións municipais. (Art.177 e 178 da LOREG). Nesta elección poderán nomearse tanto persoas afiliadas coma non-afiliadas a Manifesto Miñor.
  2. Inicialmente non será necesario presentar avais para candidatarse ás primarias. Só no caso de que o número de persoas excedese o triplo das que deben figurar na candidatura final ou no caso de que se dean irregularidades nalgunha candidatura o comité electoral buscará os mecanismos necesarios para xestionar esta cuestión, incluída a necesidade de avais.
  3. Cada persoa aspirante deberá asinar por escrito o compromiso de cumprimento e defensa do programa colaborativo, do código ético e dos principios e obxectivos de Manifesto Miñor.
  4. No caso de que o número de persoas aspirantes non complete o mínimo de 20 ou non respecte o criterio de paridade de sexo a lista sería completada pola Asemblea do Manifesto Miñor de cada concello, onde cada persoa debe presentarse ante a asemblea e ser ratificada pola ela.
  5. As persoas que desexen presentarse ao proceso de primarias á candidatura de Manifesto Miñor deberán facelo dentro do prazo establecido no Calendario de primarias e mediante os medios que facilite o comité electoral.

As persoas aspirantes deberán presentar unha declaración xurada que acredite non atoparse en ningunha das seguintes situacións:

  1. Ser representante nalgunha outra administración distinta do Concello.
  2. Formar parte de candidaturas distintas á de Manifesto Miñor e que concorran ás eleccións municipais do mes de maio de 2015.
  3. Estar imputada por delitos relacionados con suborno, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, malversación ou apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas.
  4. Estar en situación de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.
  5. Non acumular máis de 8 anos de actividade de Goberno no Concello para evitar o anquilosamento de persoas nas institucións.
  6. En prol da igualdade entre os candidatos ás primarias de Manifesto Miñor, dende o momento en que se presente a candidatura e ata a celebración das primarias, as persoas candidatas non poderán participar como voceiras da iniciativa Manifesto Miñor, en actos públicos desta ou nos grupos de traballo de Comunicación.
  7. Manifesto Miñor elaborará un programa de xeito participativo que será referendado pola súa asemblea. Neste  programa poderanse recoller medidas concretas de aplicación que serán de obrigatoria defensa por todas as persoas candidatas. Tamén haberá filosofías de traballo sobre as que caberán diferentes matices ou puntos de vista.
  8. As persoas candidatas poderán presentar a súa filosofía de actuación.

4.- Campaña electoral. ¿COMO SERÁ A CAMPAÑA ELECTORAL DAS PRIMARIAS?

  1. Existirá solidariedade entre candidat@s. As persoas candidatas que quixeran promover unha campaña paralela, con medios diferentes aos dispostos por Manifesto Miñor deberán ser en igualdade para o conxunto das persoas candidatas, sendo estas convidadas a participar.
  2. Estará baseada no colectivo e non no individuo. De xeito que se unha persoa candidata organiza unha rolda de prensa ou se posiciona a nivel público fará referencia ao equipo e ao traballo do Manifesto Miñor.
  3. As persoas candidatas poderán dispor de 5 días para explicar as súas formulacións e pedir o voto no proceso de primarias.
  4. A coordinadora de Manifesto Miñor garantirá un espazo nos medios de comunicación de Manifesto Miñor para cada unha das persoas aspirantes. A distribución destes espazos será en réxime de absoluta igualdade para cada persoa e en orde aleatoria. Cando menos os espazos postos a disposición das persoas candidatas serán: locais de uso público, páxina web, páxina de facebook, perfil de twitter, canle de vídeo, notas de prensa e lista de distribución de correo.
  5. Cada unha das persoas aspirantes estará representada por unha fotografía, un breve texto descritivo do seu perfil non superior aos 140 caracteres e un texto non maior de 500 caracteres onde poderá expresar a súa visión persoal e por que cre que debe ser merecedora do voto no proceso de primarias.
  6. As persoas candidatas teñen dereito a usar os seus perfís persoais en redes sociais. Os medios dixitais propios de Manifesto Miñor enlazarán aos perfís persoais na rede das persoas candidatas, se así estas o solicitan, facilitando que a cidadanía interesada en participar no proceso de primarias poida interpelalas directamente.
  7. Na medida das posibilidades de organización o Comité Electoral facilitará debates públicos entre as persoas candidatas en espazos accesibles. Todas as persoas candidatas terán dereito a realizar un debate público. Estes debates sucederanse en días e lugares alternos entre non máis de cinco persoas candidatas a un tempo. Estas persoas escolleranse por sorteo realizado polo Comité Electoral.
  8. O Comité Electoral desenvolverá unha campaña para animar á participación.
  9. As persoas candidatas comprométense a levar adiante unha campaña que se rexa polos principios fundacionais de Manifesto Miñor de xenerosidade, lealdade, confianza, colaboración e transparencia.

5.- Sistema de votación. ¿CANDO E ONDE SE PODE VOTAR? Xornadas Electorais:

  1. O comité electoral será encargado da convocatoria das xornadas electorais. A votación poderase realizar por un dos dous procedementos elixidos e segundo as posibilidades técnicas das que dispoña a organización: en urna e/ ou por medios electrónicos. Desenvolverase en cada parroquia sempre e cando se conte cos suficientes efectivos. De non existir persoas suficientes que poidan dar cabida ao proceso procederase a votar no centro neurálxico de cada concello seguindo as seguintes premisas:
  2. Na mesa ou mesas electorais haberá un mínimo de tres persoas que escollerá a comisión electoral, que terán a función mínima de presidencia, secretaría e vogalía. Poderán formar parte das mesas electorais todas as persoas que llo soliciten anticipadamente ao comité electoral e non figuren na listaxe de persoas aspirantes.
  3. O local ou os locais da votación serán públicos e poderá permanecer neles calquera persoa interesada en ser observadora do proceso, identificándose previamente ante a persoa que presida a mesa electoral e sempre que non entorpeza o desenvolvemento do proceso. O dereito de segredo ao voto estará garantido polos medios loxísticos precisos. Os membros da mesa realizarán o escrutinio, que tamén será público para todas as persoas presentes no momento de pechar a votación.
  4. Votación electrónica: habilitarase un sistema de votación electrónica. Neste caso, igual que no voto en urna, será necesario que quede debidamente acreditada a identidade dos electores. A duración do período de votación electrónica, decidiraa a comisión electoral de acordo coa opción telemática. O código utilizado para o funcionamento deste sistema de voto debe ser necesariamente público para que se poida xulgar a súa seguridade, así como garantir o segredo de voto.

6.- ¿CAL SERÁ O SISTEMA DE VOTACIÓN?

O sistema de voto escollido é o de elixir a persoa que vai ser cabeza de lista de forma separada do resto de aspirantes:

  1. Cabeza de lista: cada persoa poderá votar unha persoa aspirante para encabezar a lista do Manifesto Miñor.
  2. Resto de aspirantes:
    • Conformaranse listas diferentes para homes e mulleres para logo poder aplicar o criterio da paridade ou cremalleira sen fixarnos na diferenza de porcentaxes obtidos por cada sexo.
    • Cada persoa poderá elixir ata un máximo de 4 aspirantes de cada sexo. As persoas aspirantes deberán ir en orde de preferencia numerados de 1 a 4.
    • Escollerase unha quinta persoa como suplente do sexo que se marcase na opción de alcalde.
    • O sistema escollido para realizar o reconto desta lista de aspirantes será o que sexa aprobado na Asemblea en Común segundo as opcións que se presenten. Este sistema responderá ao principio de adscrición individual, horizontalidade, democracia e da representación da pluralidade de persoas que participan no proceso. Así mesmo trátase dun sistema de doada comprensión fomentando así a participación da cidadanía.
    • O soporte de votación (ou papeletas) incluirá os nomes e apelidos de todas as persoas candidatas ordenados alfabeticamente a partir dos apelidos dunha das persoas aspirantes que sairá por sorteo. E, se así o solicita a persoa candidata, o alcume.

7.- Escrutinio ¿COMO SE REALIZA O ESCRUTINIO E COMO SE PUBLICAN OS RESULTADOS?

  1. Unha vez rematadas as votacións, a persoa que presida cada mesa electoral procederá ao reconto das votacións co apoio dos membros da mesa.
  2. En primeiro lugar recontaranse os votos do grupo de persoas candidatas para encabezar a lista ordenándoas de maior a menor.
  3. En segundo lugar realizarase o reconto da puntuación obtida polas persoas aspirantes a conformar o resto da lista usando o método pola Asemblea en Común.
  4. Rematado o escrutinio comunicaralle os resultados ao Comité Electoral.
  5. O Comité Electoral procederá ao reconto dos votos recibidos por medios telemáticos e xuntaraos aos recibidos de cada mesa electoral. Finalmente redactará unha acta final de escrutinio.
  6. A acta de escrutinio seralle comunicada ao grupo de traballo de Coordinación de Manifesto Miñor, que a trasladará ao grupo de traballo de comunicación que será o encargado de facela pública en todos os medios dispoñibles así como de transmitir o resultado ás persoas elixidas.

8 Confección da candidatura municipal. ¿COMO SE CONFECCIONA A CANDIDATURA?

  1. Inmediatamente finalizado e publicado o resultado do escrutinio, o Comité electoral confeccionará a candidatura segundo os seguintes criterios:
  2. Persoa que encabezará a candidatura: A persoa que ocupará esta posición será aquela de todas as candidatas que obtivese, cando menos, o 40% dos votos emitidos, e un diferencial mínimo do 10% respecto da seguinte persoa en votos para ese posto. No caso de que ningunha das persoas candidatas obtivese o resultado anterior procederase a unha segunda volta de votacións para elixir a persoa que encabezará a listaxe, descartando as persoas candidatas que non entren no abano desta porcentaxe. A data escollida para a segunda volta será a que decida o comité electoral. Nesta segunda volta adxudicaráselle a cabeza da candidatura á persoa que maior número de votos obtivese.
  3. Postos a partir do número dous da candidatura: a continuación aplicarase o criterio corrector para promover o equilibrio de representación por sexo, (sendo o seguinte da lista, de sexo diferente o primeiro). Establécese un sistema intercalado de cremalleira ao 50% de representación de cada un dos sexos, pero de non ser posible, o total da candidatura non pode ter máis dun 60% de representación de cada un dos sexos. En todo caso dentro dos 10 primeiros postos da listaxe deberá haber, cando menos, un 50% de candidatas femininas.
  4. No caso de empate no número de votos a orde da listaxe resolverase mediante un sistema de sorteo.
  5. Seguidamente irán sendo designadas as persoas ata chegar ás 17 que conformarán a candidatura, máis as 3 persoas suplentes.

9.- RENUNCIAS DAS PERSOAS ELIXIDAS:

No caso de que algunha das persoas elixidas renuncie ao seu posto antes de presentarse a candidatura no rexistro correspondente, pasará a ocupar o derradeiro posto da lista e este cubrirase segundo os criterios xerais establecidos no punto 8 deste regulamento.

10.- REVOGACIÓN DAS PERSOAS ELIXIDAS:

No caso de detectarse algún tipo de irregularidade legal ou incompatibilidade co código ético de Manifesto Miñor por parte dalgunha das persoas elixidas estas poderán ser revogadas segundo o procedemento descrito a continuación, compatible e complementario ao Código Ético de Manifesto Miñor:

  1. O comité electoral poderá actuar de oficio se detecta algunha das irregularidades anteriormente descritas e promoverá a Asamblea en Común para a revogación de calquera persoa membro da candidatura.
  2. Calquera persoa que participase no proceso de primarias poderá facer chegar un escrito revogatorio á comisión electoral para que o estude e no seu caso o teña en consideración.
  3. A comisión electoral fará chegar á persoa revogada un comunicado no que sexa informada do inicio do proceso revogatorio.
  4. A persoa revogada terá un prazo de 48h para responder e exercer defensa, no seu caso, fronte á súa revogación.
  5. Pasado ese prazo de 48h o Comité electoral levará á Asemblea en Común o recurso revogatorio
  6. No caso de que algunha das persoas que integran a candidatura sexa finalmente revogada a lista correrá e completarase segundo os criterios xerais establecidos no punto 8 deste regulamento.

11.- PRESENTACIÓN DA CANDIDATURA:

  • Correspóndelle á Coordinadora de Manifesto Miñor a custodia da documentación das persoas candidatas: declaracións asinadas e fotocopia lexible do DNI por ambas caras así como a presentación en prazo e forma ante a xunta electoral competente.
  • A candidatura de Manifesto Miñor será presentada nun acto público que será anunciado en tempo e lugar con suficiente antelación.

ANEXO

CÓDIGO ÉTICO E COMPROMISOS DAS PERSOAS QUE OPTAN A REPRESENTAR A MANIFESTO MIÑOR NAS CORPORACIÓNS MUNICIPAIS:

Este documento recolle un código de prácticas e accións concretas que as persoas que ocupen cargos electos e de libre designación deberán cumprir para asegurar unha xestión política comprometida e próxima aos veciños, con mecanismos eficaces de transparencia no financiamento e rendición de contas, democráticos e populares, e con espazos reais de participación e decisión da cidadanía nos asuntos públicos.

Tamén se artellan diversos compromisos e medidas que teñen como obxectivo garantir que todos poidan dedicar o tempo necesario á xestión política e ás funcións públicas e, ao mesmo tempo, acabar cos privilexios dos que, durante moitos anos, gozou boa parte da clase política, e que provocaron un grave afastamento dos intereses da veciñanza.

Este compromiso de ética política parte da confianza e o compromiso que esta candidatura mantén coas persoas que ocuparán un cargo de responsabilidade pública, ademais de significar un mecanismo de apoio, supervisión e control á súa tarefa.

As persoas que ocupen cargos públicos baixo o mandato deste código de ética política comprométense tamén a impulsar os instrumentos e mecanismos legais necesarios para que estes principios éticos  se convertan en norma obrigatoria para todos na administración municipal.

Os principios recollidos neste Código Ético comprometen a tódalas persoas da candidatura que ocupen cargos electos, de libre designación e xerenciais, nos tres Concellos do Val Miñor.

Todas estas persoas comprométense publicamente a:

  1. Democratización da representación política, fiscalización e rendición de contas
    1. Defender o establecido no programa político da candidatura e actuar como representantes, obrigados a seguir as decisións tomadas nos mecanismos democráticos e abertos a toda a poboación que fixe a candidatura, promovendo a corresponsabilidade política de todos e todas.
    2. Facer públicas as axendas dos representantes, para facer visible con quen se reúnen e os temas que se tratan. Faranse públicas tamén as ordes do día e as actas das reunións e as contas das actividades económicas (nóminas, cobros de terceiros, etc.)
    3. Facilitar todos os ingresos, bens e rendementos patrimoniais dos representantes, tanto ao principio como ao remate da lexislatura, así como todos aqueles datos necesarios para a detección de posibles intereses e a elaboración de auditorías cidadás. Este compromiso estenderase aos 3 anos seguintes á súa saída da función pública.
    4. Facer públicos os criterios de contratación dos cargos de libre designación.
    5. Render contas periodicamente das súas actuacións ante a cidadanía, mediante instrumentos presenciais e virtuais, asemblearios, democráticos e abertos a todos, e cunha especial atención a nosa célula base de convivencia, como é a parroquia.
    6. Aceptar a censura (e revogación, no seu caso) de concelleiros/as e cargos de libre designación por mala xestión ou por incumprimiento flagrante e non xustificado do programa, tanto polos veciños como polos órganos competentes de Manifesto Miñor. Para que isto sexa posible, estableceranse mecanismos de garantía e avaliación da xestión das persoas con cargos públicos da candidatura, e a cidadanía terá o dereito e o deber de participar activamente no control e seguimento do labor dos cargos públicos para garantir unha correcta e honesta aplicación deste principio.
  2. Non poderán ser cargos electos ou de designación política do Manifesto Miñor as persoas que incorran nun conflito de intereses entre as súas responsabilidades públicas e a súa actividade profesional, calquera que esta fose, respectando en todo caso a normativa legal de incompatibilidades.
  3. Non acceder durante un período, mínimo de 5 anos, a cargos de responsabilidade en empresas creadas, reguladas, supervisadas, ou que sexan beneficiarias dun contrato municipal, dentro do ámbito e/ou sector onde desenvolveu a súa función representativa. En ningún caso se ocuparan cargos nos consellos de administración destas.
  4. Garantir a participación dos veciños na toma de decisións relevantes e no posicionamiento político da candidatura sobre temas estratéxicos e proxectos de impacto social, ambiental ou urbanístico nos tres Concellos, tendo en conta os principios de subsidiariedade e solidariedade. Todas as persoas que ocupen cargos electos e de designación comprométense a impulsar, apoiar e levar as institucións as propostas veciñais e de organizacións sociais que traballen co horizonte de sociedade que, como Manifesto Miñor, queremos construír.
  5. As candidaturas establecerán espazos asemblearios de debate no nivel barrio/parroquia abertos a quen desexe participar. Nela participarán cargos electos e será onde renderán contas e se establecerán liñas a seguir dentro dos principios básicos de Manifesto Miñor.
  1. Financiamento, transparencia e xestión dos gastos
    1. Ser transparente na súa xestión, publicando desagregados tódolos datos referentes aos ingresos e gastos dos cargos electos do Manifesto Miñor, que xestionarán de xeito social e solidario.
    2. Poñer un tope máximo ás doazóns privadas.
    3. A renuncia explícita aos créditos bancarios e ás donazóns de particulares que poidan coartar a independencia política da candidatura. A candidatura terá un compromiso explícito de traballar coas institucións da banca ética para garantir a súa independencia e a coherencia co seu programa.
    4. Apostar claramente por unha limitación drástica do gasto en campaña electoral.
    5. Non utilizar fundacións ou entidades xurídicas para financiarse con recursos e mecanismos pouco transparentes, e con obxectivos diferentes aos da candidatura.
    6. A introdución de sancións administrativas e penais efectivas en caso de financiamento irregular.
    7. A candidatura fará un uso do financiamento coherente con este código ético e os seus valores, realizando achegas puntuais e finalistas encamiñadas a fortalecer o tecido asociativo (sen xerar dependencias ou clientelismos.)
  1. Profesionalización da política, supresión de privilexios e medidas contra a corrupción.
    1. Renunciar aos agasallos e privilexios que lles poidan ofrecer pola súa condición e que poidan significar un trato de favor.
    2. Non duplicar cargos nas institucións, salvo aqueles vinculados á súa condición de concelleiro/a.
    3. Non duplicar soldos nin cobrar remuneracións extras para asistir a reunións.
    4. Establecer un soldo máximo de 2.200 euros como salario neto mensual, incluíndo dietas, entendendo que esta retribución garante unhas condicións dignas para exercer as responsabilidades e funcións que supoñen o cargo asumido. O soldo será variable tamén en función das responsabilidades.
    5. Limitar o seu mandato a dúas lexislaturas consecutivas, excepcionalmente prorrogable a un mandato máis sempre que se dea un proceso de discusión e validación veciñal.
    6. Facer un uso racional, austero e transparente dos recursos públicos e denunciar o abuso ou a práctica non ética que fosen detectadas no exercicio das funcións institucionais de outros. Garantir o seu emprego só para o exercicio da actividade publica e en beneficio dos veciños.
    7. Compromiso de renuncia ou cese de forma inmediata de tódolos cargos, ante a imputación pola xudicatura por delitos relacionados con corrupción, prevaricación con ánimo de lucro, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos, ben sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas.Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito. Así como tamén en casos de acusación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos contra os DD. HH. ou os dereitos das persoas traballadoras.E dende xa, declaran ademais non estar imputados ou condenados previamente por delitos relacionados coa violencia de xénero, liberdade e indemnidade sexual, integridade moral, corrupción ou delitos económicos por mal uso de fondos públicos
    8. Promover a igualdade no exercicio das súas funcións, combatendo calquera forma de racismo, xenofobia ou discriminación por razón de sexo ou orientación sexual, así como a favorecer a participación política das mulleres e das persoas con diversidade cultural, funcional, colectivos LGBT ou outras comunidades minoritarias ou vulnerables.

CALENDARIO DAS PRIMARIAS

    • Comezo de elaboración do regulamento: mércores 11 de febreiro.
    • Remate da elaboración do regulamento: mércores 25 de febreiro.
    • Publicación do regulamento e das emendas: xoves 26 de febreiro.
    • Aprobación do regulamento de primarias: sábado 28 de febreiro na Asemblea en Común.
    • Celebración da asemblea en común para aprobar o código ético, regulamento de primarias, o comité electoral: sábado 28 de febreiro.
    • Constitución do comité electoral das primarias: mércores 4 de marzo.
    • Inicio proceso de presentación de candidaturas: venres 6 de marzo.
    • Peche de presentación de candidaturas mércores 11 de marzo ás 20h.
    • Proclamación provisional de aspirantes: mércores 11 de marzo.
    • Prazo reclamación: xoves 12 e venres 13 de marzo ata as 20h.
    • Acto Público de proclamación definitiva de aspirantes: sábado 14 de marzo.
    • Inicio da campaña electoral: domingo 15 de marzo de 2015 ás 9h.
    • Remate da campaña electoral: venres 20 de marzo de 2015 ás 20h.
    • Voto por internet: dende as 10h do sábado 21 de marzo ata as 20h do domingo 22 de marzo.
    • Voto presencial: dende as 10h do domingo 22 de marzo ata as 20h do domingo 22 de marzo (nos locais e horas acordadas polo comité de campaña).
    • Publicación do resultado das votacións:  domingo 22 de marzo.
    • Período de reclamacións: luns 23 de marzo ata martes 24 de marzo ás 20h.
    • Proclamación da candidatura definitiva: mércores 25 de marzo.
    • Presentación pública da candidatura:
Febreiro 25, 2015

Etiquetas: