As obras de conservación de Casa Peralba e a futura rehabilitación, en perigo por causa do arboricidio ordenado polo Alcalde
Logo de adquirir o inmoble no centro da vila, don Paco Ferreira eliminou árbores de interese sen ningún tipo de autorización previa ou de estudio técnico.
No seu día, dende Manifesto Miñor denunciamos publicamente a corta indiscriminada do pequeno arboreto existente en Casa Peralba: camelios de cen anos, laranxeiras, un cedro, rododendros, etc. Daquela, a reacción visceral do Alcalde foi ordenar á Polícia Local que arrincara os cartaces que denunciaban semellante tropelía.
Pois ben, as arbitrariedades de don Paco Ferreira, unha vez máis, teñen consecuencias. Mesmo poidera ser que debido a esa maneira prepotente de actuar que el ten, saltando porriba dos procedementos e das normas establecidas por lei que o resto de cidadáns e institucións temos que cumprir, a rehabilitación integral de “Casa Peralba” non se poida levar a cabo tendo un inmoble propiedade municipal sen poder usar non se sabe por canto tempo.
Ás conclusións do requirimento de Patrimonio da Xunta de Galicia son clara ao respecto; máis ainda, o devandito requirimento foi realizado a primeiros do mes de xullo pasado e, a día de hoxe, non foi contestado, que nós saibamos, simplemente porque non se pode xustificar a tala de árbores ordenanda polo Sr. Ferreira.
Lamentablemente pouco máis podemos facer que a denuncia pública e agaradar que non se repita un caso coma este. Cortar árbores nos centros urbanos é un “luxo” que a humanidade non se pode permitir, iso deberíao saber o Sr Alcalde e o concelleiro que leva a área co pretencioso nome de “Concellaría de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica”. Moito ruído e poucas noces.
Velaí un estracto do requirimento de Patrimonio:
Consideracións e conclusións
Cómpre requirir que se completen e detallen as actuacións seguindo o contido requirido para o proxecto de intervención que a LPC establece para as actuacións sobre inmobles catalogados ou declarados de interese cultural. Aínda cando se proxecten actuacións parciais, o proxecto debe incluír planos de estado actual da finca e das edificacións, da principal e dos resto das edificacións, plantas, alzados e seccións necesarios para definir as actuacións que se pretende realizar a a relación dos elementos construtivos sobre os que se proxecta intervir co resto dos elementos e partes dos inmobles.
As actuacións sobre a parcela deben documentar e xustificar a talla de árbores realizada e concretar sobre un plano da parcela os muros e pavimentos sobre os que se proxecta actuar incorporando planos de planta e alzado destes elementos con detalle dos tramos sobre os que se vai actuar, incorporando datos das pezas e elementos que se van empregar na restauración que segundo a Memoria remitida se conservan. Achegarase igualmente un plano de alzado do peche da parcela co detalle da placa que se vai instalar, a súa localización, dimensións e contido.
En Gondomar, a 14 de setembro de 2022.
Asdo. Antonio Araújo Quintas. Portavoz Municipal de Manifesto Miñor.