As irregularidades da Praza de Abastos impiden que Gondomar poida recibir subvencións
Non ter un Mercado de Excelencia e ter paralizado o proceso de adxudicación de postos na Praza de Abastos, impide que Gondomar poida recibir subvencións.
Gondomar non poderá obter subvencións para seguir avanzando na consecución de novos estándares de calidade para ter un mercado de excelencia. Na convocatoria de subvencións para os Concellos, publicada no DOG o pasado 27 de abril, establécense requisitos que a nosa Praza de Abastos non pode cumprir pola paralización arbitraria do proceso de adxudicación de postos.
A Xunta ofertaba 700.000€ na convocatoria do 2017
Das dúas liñas de subvención abertas, unha é para mercados de excelencia, categoría cuxos criterios de calidade requiridos Gondomar está lonxe de acadar. De non ter suspendido o proceso de adxudicación, Gondomar podería ter aumentado a porcentaxe de ocupación da praza e diversificado a súa oferta, tal como se establece para obter o Selo de Concello ou Mercado de excelencia.
Para poder acceder á segunda liña, a situación de ocupación parcial, interinidade, incerteza legal non permite establecer cos/as titulares provisorios/as un plan global de actuacións consensuadas en materia de interiorismo, implantación de novos sistemas de comercialización, información ao/á consumidor/a, utilización de redes sociais, mellorar a presentación…
Dentro da desexable articulación social, organización sectorial e procura de autonomía de acción sería desexable que se constituísen asociacións de persoas praceiras, ou cooperativas de persoas praceiras que mesmo poderían acceder directamente a subvencións.
Abordar urxentemente a modernización
O Concello de Gondomar debe abordar urxentemente a modernización e innovación da súa Praza de Abastos, incrementar o seu atractivo, procurar a diferenciación e a súa identificación coa calidade e o prestixio.
Non é fácil conseguir o Selo de Excelencia; moitos son os requisitos avaliables: ocupación, diversificación, calidade do produto, homoxeneización da vestimenta, accesibilidade, interiorismo, postos informativos, condicións hixiénico-sanitarias, xestión dos residuos, iluminación, climatización, limpeza, estado das cámaras frigoríficas, embalaxes, etiquetados, transporte público, existencia de asociacións de praceiros/as, existencia de mecanismos sancionadores, medidas activas para os postos vacantes, degustacións, ofertas do día, páxina web, aceptación de encargos, información dos produtos…
Porén, a veciñanza de Gondomar merece un Mercado de Excelencia. Para conseguilo é urxente dispor do paraugas legal (interruptus por orde da Alcaldía) que permita pórse a traballar conxuntamente coa totalidade dos/as praceiros/as definitivos/as nun Plan Executivo que inclúa compromisos a curto, medio e longo prazo.
Sen soporte legal, nin poderemos acceder a subvencións, nin melloraremos substancialmente a calidade dos servizos da Praza de Abastos, nin poderemos modernizala, nin innovaremos de acordo coas novas tendencias e hábitos de compra actuais que permitan consolidar, no tempo, a nosa praza.
Gondomar, 19 de xuño de 2017
O Concelleiro de Comercio e Turismo
Xosé Antón Araúxo Rodríguez