As fantasías de Paco Ferreira deixan sen atención as cousas que mellorarían a vida da veciñanza

A pouco máis dun ano das vindeiras eleccións municipais e probablemente levado polo apremio dunha pésima xestión (foi incapaz de aprobar os Orzamentos Muncipais), Paco Ferreira tírase de cabeza á piscina da propaganda e a vender fume insultando sen pudor a intelixencia da veciñanza de Gondomar e desprezando como ninguén fixo nunca ás parroquias do Concello.

 

Ignora o Sr. Ferreira que estamos no medio dunha crise brutal e cunha guerra no corazón de Europa de consecuencias imprevisibles que xa comezan a nos afectar a todos: suba da enerxía, escaseza de subministros de todo tipo, suba das materias primas, recesión, etc., e, en consecuencia, o aumento das necesidades sociais das persoas máis vulnerables que na primeira porta que chamarán será a do Concello. Como exemplo disto está o custe da electricidade que paga o Concello que, debido ás subas desorbitadas da mesma, podemos acabar o ano superando os 800 000€.

 

Pois ben, ignorando todo isto, esta semana nun coñecido medio de comunicación o Sr. Alcalde anunciou como obras inminentes proxectos de custes elevadísimos, tanto na súa execución como no seu mantemento, por non falar da complexidade na tramitación dos mesmos.

 

Nesa entrevista, D. Paco Ferreira anunciou sen pestanexar unha praia fluvial con piscinas públicas no Parque das Ánimas, un circuíto para facer piruetas coas bicis e un aparcamento de 10 000m2 xunto ao “pipicán” ou a peonalización das Prazas de San Bieito e Manuel Alonso sen explicar por onde vai desviar o tránsito que vén de Morgadáns, Chaín ou Peitieiros que vai cara a Vincios. Investimentos multimillonarios que non di quen os vai financiar, nin quen os vai manter. Iso si, recoñeceu que a 1ª fase do Polígono da Pasaxe que hai máis dun ano daba por feita, a día de hoxe está pendente de varios trámites.Veremos que pasa cos incrementos de custes.

 

As cousas importantes que axudarían a mellorar a vida dxs veciñxs de Gondomar e que está na súa man resolver ou axilizar (aprobación do PXOM, delimitacións de núcleos rurais,  SANEAMENTO NAS PARROQUIAS, a fibra óptica, auga pública nas parroquias, reclamar un transporte digno, axudar ao comercio local, ou o incrementar significativamente as axudas á emerxencia social) DISO NON DIXO NADA. A Paco Ferreira as parroquias de Gondomar e a veciñanza máis desfavorecida NON LLE IMPORTAN!

 

Dende Manifesto Miñor esixímoslle ao Sr, Ferreira que baixe á realidade do Concello que goberna con maioría absoluta e que deixe as fantasías para tempos mellores. Agora toca dotar de servizos básicos ás parroquias, sacar adiante o PXOM e prepararse para as restricións que veñen aí  procurando non deixar a ninguén atrás naquilo que dependa do Concello. O demais é vender fume e burlarse da cidadanía.

 

En Gondomar, a 9 de marzo de 2022.

 

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Marzo 11, 2022

Etiquetas: ,