As actitudes irrespectuosas de Paco Ferreira coas concelleiras da oposición provocan o abandono da oposición do Pleno extraordinario de Gondomar
As faltas de respecto continuadas cara concelleiras da oposición, como quedou sobradamente demostrado no Pleno extraordinario de onte, provocou que os grupos políticos da oposición (Manifesto Miñor, BNG e PP) abandonaran a sesión. “Vostede non sabe nin o que presenta, vostede presenta o que lle escriben”, espetoulle Paco Ferreira á voceira municipal do PP, Paula Bouzós, nun novo alarde de autoritarismo. A continuación, diante das queixas da concelleira do BNG, Manuela Rodríguez, o señor Alcalde decidiu silenciala, apagándolle o micrófono para impedirlle facer a súa intervención.
Dende Manifesto Miñor entendemos que non se poden cruzar determinadas liñas vermellas no exercicio das funcións de Alcalde: poñer en cuestión a valía dunha concelleira, como fixo onte o señor Ferreira (e como leva facendo reiteradamente en todos os plenos), silenciar sistemáticamente ás compañeiras da oposición, só deixa en evidencia canto queda por loitar contra o machismo nas institucións públicas. É intolerable reproducir e normalizar este tipo de comportamentos prepotentes dende a institución municipal, aínda máis cando veñen dun Alcalde (en xeral, dun goberno) que se define como “socialista”. Por iso, expresamos a nosa solidariedade coas compañeiras agredidas e denunciamos publicamente uns feitos que non son novos; a veciñanza que regularmente segue os plenos, ben presencialmente, ben por streaming xa coñece as formas de Paco Ferreira.
O PSOE de Gondomar, que permite e mesmo fomenta estas salidas de ton de Ferreira, é cómplice da deriva antidemocrática e antifeminista do goberno municipal. De feito, tras o abandono das concelleiras e concelleiros da oposición (a excepción do concelleiro de Ciudadanos) do salón virtual de plenos, as concelleiras do PSOE preferiron defender ao Alcalde en lugar de mostrar o seu apoio ás dúas compañeiras que se viron degradadas por comentarios e actuacións totalmente fóra de lugar. E a concelleira de Igualdade? Preferiu calar.
Polo tanto, esiximos do señor Ferreira unha disculpa pública polos comentarios ofensivos e a forma despótica que tivo de silenciar ás compañeiras da oposición. Para Manifesto Miñor calar diante do machismo non é unha opción.
Gondomar, 19 de xaneiro de 2021
Manifesto Miñor