Acta do Grupo de Traballo de Metodoloxía e Contido (07/01/2015)
Nesta xuntanza debateuse sobre o proceso constituinte do Manifesto Miño
O día 07/01/2015 as 20:00 horas reúnese por primeira vez o Grupo de Traballo de Metodoloxía e Contido do Manifesto Miñor.
Nesta xuntanza debateuse sobre o proceso constituinte do Manifesto Miñor, nunha fórmula que garanta a inclusión das distintas sensibilidades e aglutine ás veciñas e aos veciños do Val Miñor nunha candidatura de unidade veciñal. En todo caso, chegouse a conclusión de que debería ser unha fórmula que permita a posibilidade de conseguir representación na deputación provincial. Comentouse que xa había outras plataformas que estaban traballando niso e tiñan resolto ese problema, legalizándose como formación política instrumental. En todo caso, haberá que facer unha proposta aos asinantes do manifesto para que dean a súa opinión.
De todos os xeitos, algunhas persoas manifestaron que aínda non estamos na fase de buscar alianzas con vistas a conseguir representación na deputación. O primeiro e máis importante é definirnos e constituirnos, para posteriormente analizar as posibilidades que temos para a deputación.
Tralo debate, chegouse aos seguintes acordos:
Consultar os documentos doutras plataformas e movementos similares para ver como están a desenvolver o proceso e resumir e extraer as ideas básicas que se repiten en cada un. Para traballar virtualmente, acordouse a creación dun google groups no que se compartan os documentos.
Elaborar un documento propio no que se definan con claridade os principios e obxectivos do Manifesto Miñor e presentalo aos asinantes.
Facer unha proposta aos asinantes de como nos queremos constituir para que poidan dar a súa opinión e votar en referendo telemático.
A próxima xuntanza do grupo de Metodoloxía e Contido do Manifesto Miñor será o venres 16 de xaneiro de 2015.
Ás 21:30 remata a xuntanza do grupo de Metodoloxía e Contido.
Val Miñor. 7 de xaneiro de 2015