ACOUGA volverá a Gondomar para revisar a documentación das persoas afectadas pola venda do Banco Pastor
Multitudinaria asistencia de pequenxs accionistas afectadxs pola venda do Pastor/Popular na procura de información e asesoramento sobre as canles de reclamación e defensa dos seus dereitos na sesión organizada polo Concello de Gondomar e ACOUGA.
O pasado xoves, 29 de xuño, a Concellería de Emprego e Comercio de Gondomar organizou unha charla informativa destinada a explicar as canles de reclamación ás persoas afectadas pola venda do Banco Pastor/Popular, en colaboración coa Asociación Galega de Consumidores e Usuarios-ACOUGA. Esta charla forma parte dun ciclo de xuntanzas desenvolvidas polo concelleiro Xosé Antón Araúxo para defender os intereses da veciñanza expoliada polas entidades financeiras: en xeral, persoas aforradoras e pequenxs inversorxs.
Debido ao éxito da sesión do pasado xoves, a Concellería de Emprego e Comercio e ACOUGA desenvolverán dúas xuntanzas máis no Concello de Gondomar para revisar a documentación das persoas afectadas pola venda do Banco Popular/Pastor ao grupo Santander. Estas novas xuntanzas terán lugar os días 13 e 20 de xullo, entre as 16:00 e as 20:00 horas. Os veciños e as veciñas interesadas deberán achegar toda a documentación para que xs profesionais da asociación poidan estudar cada caso individualmente, a fin de xestionar a reclamación dun xeito personalizado.