A Xustiza ratifica que o concurso público da Praza de Abastos convocado por Manifesto Miñor se axustaba á legalidade. Tiñamos razón!

A Vila de Gondomar ten o privilexio de contar cunha Praza de Abastos, como mínimo, dende o S. XIX, que xunto co mercado e a feira de gando foron durante décadas os principais moteores da economía local. Foi por este motivo que dende antigo os gobernantes lle prestasen tanta atención, dependendo sempre a súa xestión dos poderes públicos até a actualidade. No caso da praza, a súa xestión segue a ser municipal, favorecendo a quen nela se instale cunha serie de vantaxes fiscais, de redución de impostos, taxas, gratuidade de servizos, etc.

Daquela, estamos diante dun ben público (estratéxico) de titularidade municipal que ten como obxectivo principal dinamizar a economía local, polo que a súa xestión está sometido a lei que regula as concesións e os contratos públicos. Pois ben, xustamente foi isto o que ignorou hai catro anos o Sr. Alcalde pretendendo adxudicar a dedo (por decreto) os postos da Praza de Abastos, saltando porriba da Lei e do dereito dos cidadáns a poder concursar en libre concorrencia a un posto neste mercado público.

Tivo que ser a Xustiza quen puxo as cousas no seu sitio facendo “entrar en razón” ao Sr. Alcalde, que para máis Inri, presume de avogado. Dende Manifesto Miñor alegrámonos que por fin se preoceda a regularizar unha situación que leva máis de 50 anos enquistada con prácticas dentro da Praza de Abastos non sempre axustadas á normativa vixente. Por exemplo: traspasos, alugueiros, ou simplemente herdanzas dun posto cando se trata dun ben público propiedade municipal.

 

Manifesto Miñor tiña tiña razón e lamentamos que por cuestións de cálculo electoral (romper o goberno, etc) o Sr. Ferreira enganara xs praceirxs paralizando un proceso impecablemente deseñado polo concelleiro de Comercio, Xosé Antón Araúxo, co prace dos técnicos municipais, como quedou demostrado e ratificado pola Xustiza. Esta irresponsabilidade do Sr. Alcalde fixo que nestes catro anos a Praza de Abastos de Gondomar perdese importantes oportunidades de acceder a fondos europeos e diferentes axudas, que hoxe farían que Gondomar tivera a súa Pza de Abastos dentro do ranking de Mercados de Excelencia do Estado.

 

En política non todo vale, e xs políticxs somos antes que nada servidorxs públicxs coa obriga de poñer por diante dos nosos intereses partidarios ou persoais a defensa do ben  común. Paco Ferreira fixo xustamente o contrario mentíndolle xs parceirxs (que, tamén hai que dicilo, se deixaron engaiolar polas palabras do Alcalde), chegando a se manifestar inxustamente contra quen actuaba ao seu favor coa verdade e a Lei por diante.

 

Dende Manifesto Miñor anunciamos que estaremos vixiantes para que se cumpran escrupulosamente as normas que dende agora rexirán o funcionamento da Praza de Abastos e as bases que serviron para regularizar unha situación tan vella e enquistada como a propia praza, así como para que volvan sacar a concurso aqueles postos sobrantes ou que vaian quedando baleiros.

En Gondomar, a 20 de agosto de 2020.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

 

 

 

 

Agosto 21, 2020

Etiquetas: , ,