A voltas co PXOM: desmontando as mentiras do señor Alcalde
Por fin, o Sr. Ferreira recoñeceu publicamente que o PXOM non poderá estar listo para a súa aprobación inicial ata finais de 2019
Por fin, o Sr. Ferreira caeu do cabalo e recoñeceu publicamente (ver declaracións aquí) que o PXOM de Gondomar non poderá estar listo para a súa aprobación inicial ata finais de 2019, é dicir, no seguinte mandato con outra corporación municipal, e quen sabe se con outro alcalde ou alcaldesa.
recoñece abertamente que os atrasos sufridos son responsabilidade súa en exclusiva
Por fin, recoñece abertamente que os atrasos sufridos son responsabilidade súa en exclusiva e, para lavar a cara anuncia por enésima vez que apartará da súa tramitación ao concelleiro de urbanismo Antonio Araújo (por certo, só de palabra e nos medios, xa que por escrito –que é como lle cómpre a quen ten as competencias delegadas– non se atreve).
como exemplo da súa xestión a “celeridade” na ordenación da 1ª fase do Polígono Industrial da Pasaxe, que, 5 meses despois do anuncio e foto nos medios, segue empantanada
Pon como exemplo da súa xestión a “celeridade” na ordenación da 1ª fase do Polígono Industrial da Pasaxe, que, 5 meses despois do anuncio e foto nos medios, segue empantanada, e o que é peor, cos consensos rotos, sen financiamento suficiente e coa CCMM de Vincios expulsada do proceso.
A hemeroteca non engana:
- O 15 de abril alegrábase publicamente dos informes da Intervención e da Secretaria municipais desfavorables que impedían a cesión do contrato por entender que estaba caducado, obviando o informe da UDC feito co rigor e a independencia propios dunha universidade pública que apuntaba no sentido contrario. Nesa altura tamén afirmaba que neste mandato non sería posible aprobar inicialmente o PXOM de Gondomar por falla de tempo.
- O 30 de abril, 15 días despois, cambia de opinión unha vez que os técnicos modifican os seus informes na liña do expresado pola UDC, e anuncia que apartará da tramitación ao concelleiro de urbanismo para axilizar os trámites.
- O 4 de agosto a X.G.L aproba por unanimidade facer a cesión do contrato de EPTISA a Alfonso Botana S.L., e volve cambiar de opinión deixando ver que xa é posible aprobar inicialmente o PXOM neste mandato, cousa absolutamente imposible como se lle resposta dende MM.
- E así chegamos ao 14 de agosto onde volve anunciar de palabra a substitución do concelleiro de urbanismo á fronte do PXOM e recoñece que podería ser aprobado inicialmente a finais de 2019. Asemade, nestas mesmas declaracións sinala que se precisa un tempo de dous meses para ter incluídas no documento de inicio as 600 achegas presentadas pola veciñanza.
antes de que a nova empresa poida traballar no PXOM, debe mediar unha Escritura Pública perante Notario cousa que o Sr. Alcalde prefire ignorar con tal de vender fume
Pois ben, a cidadanía debe saber que antes de que a nova empresa poida traballar no PXOM, debe mediar unha Escritura Pública perante Notario onde EPTISA ceda formalmente o contrato a Alfonso Botana S.L., cousa que a día de hoxe aínda non se fixo e que o Sr. Alcalde prefire ignorar con tal de vender fume. No mellor dos casos esta fase podería estar lista a finais de ano.
o Sr. Ferreira xa dá por feito de que vai repetir como alcalde en maio de 2019
Falar de consensos políticos a estas alturas é unha falla de respecto aos grupos municipais e xs concelleirxs toda vez que á volta do verán entraremos coma quen di en campaña electoral, e o sentido común e a ética política di que os consensos nunha corporación municipal hainos que establecer cos que van ter a responsabilidade política de votar no pleno. Ou é que o Sr. Ferreira xa dá por feito de que vai repetir como alcalde en maio de 2019?
O traballo de Antonio Araújo, conta coa aprobación e recoñecemento da maioría da veciñanza de Gondomar sen distingos partidarios
Por último, volvemos recomendarlle ao Sr. Ferreira tranquilidade e que non se deixe levar polas ansias electorias. Que atenda as súas áreas e que deixe traballar ao Concelleiro de Urbanismo Antonio Araújo, cuxo traballo conta coa aprobación e recoñecemento da maioría da veciñanza de Gondomar sen distingos partidarios, e, sobre todo, que non faga política partidista con algo tan serio e necesario como é o PXOM de Gondomar.
En Gondomar, a 14 de agosto de 2018.
Grupo de Traballo de Comunicación
Manifesto Miñor.