A situación actual do GES segue sendo precaria: cómpren solucións urxentes por parte da Mancomunidade, Deputación e Xunta para non ter que lamentar no futuro
Val de Miñor, 14 de agosto de 2025.- A vaga de lumes que está arrasando o Sur de Europa, sobre todo Ourense e outros puntos do Estado Español e Portugal, deixou ao descuberto as miserias dun sistema anti-incendios pensado máis no negocio do lume que na prevención do mesmo, por non falar da ausencia total de políticas forestais pensadas no ben común e no cambio climático. Este drama europeo, cuxas consecuencias son imprevisibles, está sendo retransmitido en directo polas diferentes televisións, por veces frivolizando co “e ti máis” entre políticos, pero sen entrar na raíz dun vello problema agora agravado por un cambio climático desbocado. Con todo, os telexornais non poden ocultar o drama humano de milleiros de persoas que aínda viven en aldeas e parroquias semi abandonadas nas que, parece que agora, de súpeto, descubrimos a falla de servizos que teñen. A outra pata deste drama son os bombeiros e brigadistas forestais, quen levan denunciando unha precariedade absoluta do servizo: poucos medios, humanos e materiais, salarios de miseria, horarios de traballo inhumanos, contratos de traballao terceromundistas; en definitiva, a precarización dun servizo básico en favor do negocio privado do lume.
EN QUE PARTE DESTA PROBLEMÁTICA ENCAIXA O GES DO VAL DE MIÑOR?
Nesta problemática, o GES do Val de Miñor debería ser unha peza chave na prevención dos lumes na nosa comarca. Malia isto, non se explica tanta desidia por parte do Goberno da Mancomunidade do Val de Miñor, da Deputación Provincial e da propia Xunta de Galicia.
Os actuais alcaldes dos concellos da Comarca (2 do PSOE e 1 do PP, no anterior mandanto eran os 3 do PSOE), a Deputación Provincial actualmente presidida polo PP (no aterior mandato presidida polo PSOE en coalición co BNG) e Xunta de Galicia, segue igual en mans do PP, nada relevante teñen feito pra resolver o problema do GES. Alén de declaracións sen contido práctico, nin unha soa medida se ten posto en práctica para dotar de recursos suficientes o GES do Val de Miñor dende ningunha das Administracións.
Non é necesario lembrar que o Val de Miñor no verán duplica a poboación, pasando dos 100 mil habitantes; a maiores temos dous polígonos industriais, unhas vías de comunicación saturadas con múltiples accidentes e, obviamente, unha importante masa forestal que sabemos como se comporta cando hai lume. Estes deberían ser motivos abondo para que hoxe os gobernantes (Mancomunidade, Deputación e Xunta) tiveran resolto o problema do GES, no canto de ter unha plantilla de bombeir@s exigua e cuns traballador@s precarizados ou unhas instalacións mal situadas e obsoletas. O desleixo destes gobernos non ten límite: nin ar ni xo!!
Dende Manifesto Miñor volvemos repetir por enésima vez a nosa proposta ao respecto: Se non queren, ou non saben, xestionar o GES do Val de Miñor, que negocien a súa integración inmediata no “Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento”, cunha sub-sede no Val de Miñor. Como Comarca e como veciñanza que paga importantes impostos, temos dereito un servizo de bombeiros de calidade. Mellor nos iría a todos para despois non ter que lamentar.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.
Portavoz de Manifesto Miñor.