A oposición de Gondomar entérase pola prensa da paralización das obras do polígono d’A Pasaxe por orde xudicial
Dende Manifesto Miñor sempre defendemos que o consenso é o mellor aliado para sacar adiante proxectos fundamentais para Gondomar. É así como saiu adiante a ordenación do Polígono Industrial d´A Pasaxe no ano 2008, cando a Conselleira Teresa Táboas, a CMVMC de Vincios, o empresariado do Polígono e o noso compañeiro Antonio Araújo, como Alcalde de Gondomar, asinaron o acordo que botou andar todo iso. O acordo puña enriba da mesa 500.000€ para a elaboración do Proxecto Sectorial.
Despois viñeron outros alcaldes que máis ou menos continuaron esa andaina. Porén, chegou Don Paco Ferreira e seu proverbial afán de protagonismo. O primeiro que fixo foi expulsar das xuntanzas ao concelleiro de urbanismo (Antonio Araújo), chegando incluso verter calumnias contra a súa persoa diante da propia Asociación de Empresarios d´A Pasaxe. Todo aquel proceso veu demostrarnos que o señor Ferreira non sabe distinguir entre a importancia das cousas de comer e os rifi-rafes da política.
Chegamos ao Pleno do 5 de novembro de 2020, onde a Corporación Municipal aprobou por unanimidade o Proxecto Técnico das obras de urbanización da primeira fase do Polígono, financiadas polas propias empresas polo sistema acordado de cooperacion. Algúns advertimos da falta de tempo para valorar un expediente tan complexo e, obviamente, o pouco consenso acadado, pois a actitude de Don Paco Ferreira conseguiu a expulsión da CMVMC do acordo. Con todo, nun exercicio de responsabilidade política, tanto Manifesto Miñor como o resto dos grupos da oposición votamos a favor porque tiñamos, e temos, claro que non se pode xogar con miles de postos de traballo. É dicir, confiamos no Goberno Municipal.
Agora coñecemos, a través dos medios de comunicación, unha sentenza que vén dicir que non se trataba dunhas simples obras de urbanización, senón dunha urbanización en si mesma e, polo tanto, a tramitación foi erreda. Por certo, hai que dicir que o Goberno Municipal sabía da interposición do contencioso contra este proxecto dende o 8/1/2021, ocultándollo aos grupos da posisición até o Pleno deste xoves que tivo que ser retirado da Orde do Día o punto da adxudicación das obras do devandito proxecto de urbanizacion.
Todo este asunto, que provoca un novo atraso na urbanización do polígono d’A Pasaxe pola irresponsabilidade de Don Paco Ferreira, vén constatar por que sempre nos resulta tan dificil confiar no señor Alcalde e no seu coberno de caladiñxs. Está claro que a política da ocorrencia e da foto instantánea que practica o goberno do PSOE de Gondomar vai en contra do consenso.
Gondomar, 4 de setembro de 2021.
Manifesto Miñor