Resposta ás acusacións da presidenta do PP, Paula Bouzos

Concelleiro UrbanismoERA SABIDO, O PP DE GONDOMAR PREFIRE OBEDECER Á XUNTA CONTRA O INTERESE XERAL E O SENTIDO COMÚN.

Era sabido que a nova presidenta do PP de Gondomar, Paula Bouzós, preferise estar ás ordes do partido e da Xunta apoiando unha obra innecesaria e aberrante, que defender o ben común e o Medio Ambiente do seu Concello. É por iso que cómpre aclarar algunhas cuestións ao respecto:

Unha hipoteca de por vida para o Concello en gastos de mantemento

O PP e a Sra. Bouzós deberían dicir que construir esa obra inútil para Gondomar conlevaría unha hipoteca de por vida para o Concello de aproximadamente 30.000.-€/ano en gastos de mantemento, consumo eléctrico, etc , por non falar das avarías tan frecuentes neste tipo de bombeos. Tamen deberían explicar porque ocultan que ademais da estación principal instalada no centro da Vila nunha zona verde, prevén dúas estacións de bombeo máis: unha na Ponte de Mañufe e outra á altura do Froiz, BOMBEANDO CARA ARRIBA, para despois volver bombear cara a abaixo. Alguén entende este disparate?

Non serve para resolver o problema da mala execución da rede de saneamento

Encanto á utilidade do proxecto (tanque de tormentas inicial e pozo de bombeo final), non serve para resolver o problema da mala execución da rede de saneamento de Gondomar construida pola Xunta do PP nos 97-98-99, sen separación de pluviais; en tuberías de fibrocemento, sen a estanqueidade suficiente,etc. Falamos de toda a rede troncal, non só o treito dende a Vila de Gondomar á EDAR de Donas que seguiría funcionando mal por eses mesmo motivos.

O PP por oportunismo político decidiron “gardar no caixón” o tanque de tormentas

A Sra. Bouzos esquece deliberadamente que durante o mandato 2011-2015 ela mesma era concelleira do goberno municipal do PP, e que por oportunismo político diante do conflicto cos veciños da zona decidiron “gardar no caixón” o tanque de tormentas non canto de ter a valentía política de executar o proxectado….. Por non falar dos miles de euros que perderon para saneamento e outras obras por desidia. Recoméndolle que revise as actas dos plenos e senón as hemerotecas.

A sentenza non é firme

En relación á sentenza dicir que non é firme, polo que a día de hoxe está sendo valorado a presentación dun recurso polos servizos xurídicos municipais, por entender que si é competencia do concelleiro de urbanismo iniciar un expediente de reposición da legalidade, como foi o caso, contra unas obras sen licenza realizadas nunha zona verde de uso público, e que nada tiñan que ver co aprobado polo pleno en novembro de 2010.

Aprobado no pleno por un goberno cuxo alcalde e concelleiro de urbanismo están inhabiltados

A maiores de seren proxectos diferentes, o aprobado no pleno de novembro en 2010 foino por un goberno cuxo alcalde e concelleiro de urbanismo están inhabiltados por sentenza xudicial (prevaricación continuada), por actuar reiteradamente prescindindo dos preceptivos informes dos funcionarios municipais, como no caso do proxecto do tanque de tormentas levado a pleno sen ningún informe técnico que o validase. Velaí a diferenza entre esta sentenza por defender o interese xeral e medio ambiente de Gondomar e outras contra membros do PP por todo o contrario.

Curiosa maneira de enteder a lealdade institucional

En cambiando o goberno municipal no ano 2015, o partido da Sra. Bouzós á petouta co Goberno da Xunta decidiron activar o devandito proxecto a sabendas da falla de tempo para executalo. Entón xa non lles preocupaba a conflictividade veciñal e moito menos a perda da subvención que agora critican. Curiosa maneira de enteder a lealdade institucional que agora invoca o PP. Por certo, ocultando a Sra. Bouzós que dende o actual goberno municipal se lle ofreceron dous lugares alternativos para ubicar as obras, que rexeitaron.

Co investimento previsto para o tanque de tormentas sobrarían cartos para que Gondomar contase cunha rede de saneamento moderna e sustentable

Por último, poñer de manifesto que o Goberno Municipal de Gondomar o único que fixo, e vai seguir facendo, é defender o interese xeral e o sentido común, algo tan elemental como procurar que as augas fecais baixen por gravidade separadas das pluviais; que se faga unha revisión a fondo da rede principal de saneamento instalando novas tuberias feitas de materiais modernos que faciliten a paso das augas fecais con pendentes moi baixas, etc. Estamos convencidos que co investimento previsto para o tanque de tormentas sobrarían cartos para que Gondomar contase cunha rede de saneamento moderna e sustentable, máis propia do S. XXI que do S. XIX.

Asdo.: Antonio Araúxo Quintas.
Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente.

Compartimos a nota de prensa do compañeiro Antonio Araujo a respecto das acusacións da Presidenta do PP de Gondomar, Paula Bouzós. Manifesto Miñor

Febreiro 25, 2017

Etiquetas: ,