Recollida de RSU en Baiona. A xestión pública para uns servizos básicos de calidade.

Dende hai varias semanas, asistimos a un debate públcio, incluso entre membros do mesmo goberno, sobre a recollida de RSU municipal de Baiona. Dende Manifesto Miñor Baiona, entendemos as limitacións impostas pola lei xa que, logo da aprobación da Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estibilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira (coñecida como “Lei Montoro”), resulta moi complicado facer fronte a novas contratacións para reforzar este servizo. Ademais, a desastrosa xestión económica dos sucesivos gobernos do Partido Popular, que deixaron hipotecado o noso concello co rescate do aparcamento público d’O Aral, limita a actuación do tripartito en materia económica. Así e todo, agora o voceiro do Partido Popular na corporación municipal, o señor Rodal, tira de hipocresía e defenda a xestión pública da recollida do lixo.

Agora ben, un goberno cohesionado e comprometido co público ten capacidade para sacar adiante un servizo que, actualmente, non está a funcionar; e parece que, para algúns/has gobernantes, cando as cousas non funcionan a única vía é a privatización. Para Manifesto Miñor Baiona hai outras solucións: se ben é certo que a lei limita as novas contratacións, non limita en ningún sentido a xestión municipal dos servizos básicos e tanto o concelleiro como o goberno no seu conxunto teñen toda a liberdade para optimizar os recursos dispoñibles e facer que a recollida de RSU sexa eficiente. Dende logo, non queremos para Baiona, vista a experiencia doutros concellos da comara como Gondomar (ver información), un servizo privado moi deficitario. Ben ao contrario, apostamos polo público e, mentres non se modifice a famosa Lei Montoro, é responsabilidade do goberno municipal xestionar, traballar e garantir unha recollida de RSU digna.

Por último, entendemos que nestes momentos a veciñanza de Baiona non merece estes debates insubstancias dentro do goberno municipal (debates que, por certo, non están na rúa) e esiximos máis eficiencia na xestión para que a recollida de RSU funcione correctamente. Son momentos de gran complexidade e moi delicados tanto no ámbito social como no sanitario para andar a PRIVATIZAR e PRECARIZAR os servizos básicos.

Setembro 7, 2020

Etiquetas: , , ,