O xuíz obriga ao Señor Ferreira a retomar o concurso público para a adxudicación transparente dos postos da Praza de Abastos

MANIFESTO MIÑOR TIÑA RAZÓN: NON SE PODEN DAR CONCESIÓNS ADMINISTRATIVAS A DEDO/POR DECRETO SOBRE UN ESPAZO PÚBLICO.

 

A actitude irresponsable do Sr. Ferreira paralizando un proceso transparente e axustado a lei que iniciara no ano 2017 o concelleiro de comercio Xosé Antón Araúxo, e porriba “rematando a xogada” cunha adxudicación a dedo das concesións dos postos da Pza de Abastos de Gondomar fixo que, por causa de non estar regulados os devanditos postos, se perdese a oportunidade de acceder a importantes axudas europeas para poñer a nosa Praza de Abasto ao nivel de excelencia, así como actuar nela, dinamizala, etc.

Realmente o que lle importaba a Paco Ferreira nesa altura era buscar unha disculpa para romper o goberno botando fóra a Manifesto Miñor por ser incómodos e non miraban para outro lado e, sobre todo, para conseguir os votos dxs praceirxs enganándoos coa mentira de que o concurso público podía deixalos sen os seus postos.

O Alcalde, non só actuou de maneira xurídicamente incorrecta como di o xuíz, el que presume de ser avogado, senón que prexudicou a sabenadas a aquelas persoas que esperaban ter un posto na praza para poder traballar e vivir dignamente. Paco Ferreira xogou co pan das súas familias.

Agora un novo Auto Aclaratorio do Xulgado do Contencioso nº1 de Vigo volve a dicirlle, por terceira vez, que retome a licitación dos postos da praza de Abastos no punto onde o paralizou o 25 de abril de 2017.

Dende Manifesto Miñor – En Marea, esixímoslle ao Sr. Ferreira que polo ben dxs praceirxs (xs que están e xs que queren un posto na praza), pola pervivencia da Praza de Abastos e do interese muncipal, se deixe de manobras dilatorias e cumpra canto antes a sentenza xudicial, respectado o principio de igualdade de oportunidades de todas aqueleas persoas que decidan presentarse a un posto na Praza de Abastos, e se poña a traballar para poñela ao nivel que merece.

 

En Gondomar, 7 de febreiro de 2020.

Asdo. Antonio Araújo Quintas.

Portavoz do GM de MM-EM

Febreiro 10, 2020