O papel dun alcalde: propiciar o diálogo e acadar consensos

Antonio Araujo

Se hai un papel fundamental que debe distinguir o exercicio do cargo de alcalde, ese é precisamente o de integrar, o de promover o diálogo, o de procurar o consenso e o de velar polo respecto do cumprimento dos acordos.

Mais isto é algo que o Sr. Paco Ferreira leva ignorando dende o principio do mandato, agudizándose nos últimos meses, nunha deriva autoritaria que comeza a nos preocupar. O Sr. Ferreira vive na ficción dun goberno de maioría absoluta, cando a realidade é que tan só ten CATRO CONCELLEIRXS DE DEZASETE, que, xunto cxs tres de MM, configuramos un goberno plural en minoría.

“Dentro dun ano e pouco vainos xulgar a todxs polo noso traballo real”

Recomendámoslle tranquilidade xa que, por moitas fotos que publique nas redes sociais, participando dos eventos máis pintorescos, a cidadanía dentro dun ano e pouco vainos xulgar a todxs polo noso traballo real, é dicir, por aqueles proxectos que melloraron a calidade de vida da veciñanza ou aumentaron os seus dereitos cidadán.

Estar disposto a falar, cando lideras un goberno, é sobre todo escoitar e cumprir os acordos. Como xa dixen, trátase dunha obriga de quen preside un goberno.

“Deixase de faltar á verdade cando asegura que o Concelleiro de Urbanismo ten dedicación exclusiva”

Por outra banda, conviría que deixase de faltar á verdade cando asegura que o Concelleiro de Urbanismo ten DEDICACIÓN EXCLUSIVA: se iso é certo que faga pública a miña nómina; ten a miña autorización para facelo. O mesmo pode aplicarse á súa afirmación de que lle neguei información sobre o PXOM aos grupos da Corporación: polo contrario, debería explicar por que non convoca a comisión de seguimento, que constitúe o órgano onde se dá conta e se debate sobre todo o relativo ao PXOM.

Volve a faltar á verdade, máis unha vez, no referido ao Centro de Día, que está paralizado única e exclusivamente pola súa vontade. Neste punto, cómpre aclarar que non hai tal empresa privada para adxudicar a xestión deste servizo, senón UNHA COOPERATIVA DE TRABALLO SOCIAL.

“Non hai ningún informe desfavorable da Secretaría Xeral do Concello”

Por último, e no referido ao PXOM, esíxolle ao Sr. Fereira que deixe de xogar con ese asunto tan serio para o futuro de Gondomar. Non hai ningún informe desfavorable da Secretaría Xeral do Concello e o reparo da Intervención Municipal é perfectamente salvable como se indica no informe da Universidade da Coruña emitido ao respecto. Volvo a reiterarlle que se non o ve claro ou TEN MEDO, EU ESTOU DISPOSTO A LEVANTAR ESE REPARARO para continuar coa súa tramitación e evitar a perda dos 224 000 € da subvención para a súa redacción.

“O principal beneficiario do noso traballo é, tamén, vostede”

A estas alturas, que un Alcalde coma el, que ten unha media de 300 levantamentos de reparos ao ano, incluso para cobrar as súas quilometraxes indebidamente e contra o criterio da Intervención Municipal, se poña agora exquisito, só ten unha explicación –é a mesma do bloqueo do Centro de Día ou da negativa a levar a Pleno o Regulamento de Participación Veciñal, cuxas alegacións están xa debatidas cos grupos que as presentaron–: non lle dar bazas ao socio de goberno, entorpecer o seu traballo para invisibilizar a súa xestión.

Vaia torpeza política, Sr. Ferreira, cando debería saber que é o principal beneficiario do noso traballo é, tamén, vostede.

En Gondomar, a 10 de Abril de 2018.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.
Concelleiro de Urbanismo e Tte. de Alcalde de Gondomar.

Abril 11, 2018

Etiquetas: , ,