Manifesto Miñor presenta unha queixa diante do Banco de España polas abusivas comisións de Abanca

Como levamos denunciando dende hai máis dun mes, unha parte da veciñanza do Val Miñor con contas bancarias na entidade Abanca estase a ver prexudicada polas elevadas e inxustificables comisións e gastos de xestión que esta entidade financeira está a aplicar a súa clintela. Estas comisión, de arredor de 100 euros anuais por libreta, recaen sobre as coñecidas como contas á vista ou contas correntes, polo que afectan a gran maioría das persoas que teñen os seus aforros en Abanca.

Alén da legalidade do cobro destas comisións, dende Manifesto Miñor entendemos que se trata dunha práctica abusiva para a cidadanía, toda vez que se artella como o exercicio dunha posición dominante do banco sobre a súa clientela. Isto é aínda máis grave se temos en conta a situación de vulnerabilidiade na que se atopan moitos dos clientes e das clientas de Abanca nesta situación de emerxencia sanitaria provocada pola crise da Covid-19.

Ademais, queremos tamén deixar claro que o que hoxe é Abanca é o resultado dunha operación comercial da compra de varias caixas galegas rescatadas con cartos públicos. Esta situación disparatada fai que moitas das persoas afectadas polo cobro destas comisións abusivas sexan clientes e clientas que tradicionalmente utilizaban os servizos das antigas caixas de aforros. Dende Manifesto Miñor non podemos máis que poñer en evidencia esta estafa á cidadanía galega. 

Pois ben, afondando na necesidade dedefender a nosa veciñanza, dende Manifesto Miñor vimos de enviar dous escritos de queixa dirixidos ao servizo de reclamacións do Banco de España e a atención ao cliente de Abanca solicitando que se tomen as medidas oportunas e se devolvan estas comisións abusivas. 

En Gondomar, 10 de xullo de 2020

Manifesto Miñor

Xullo 10, 2020

Etiquetas: , ,