Manifesto Miñor demandará ao goberno da Mancomunidade o nomeamento dun responsable político para resolver a precaria situación do GES
Como dixemos durante a última campaña electoral, se Manifesto Miñor conseguía volver á Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, a nosa prioridade sería traballar por conseguir mellorar os servizos públicos que ese organismo ofrece á veciñanza da Comarca. Un deles é, sen dúbida, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), dado que se trata dun servizo básico que ten máis que demostrado a súa eficacia, pois salvan vidas e sempre son os primeiros en chegar, entre outras razóns pola proximidade e polo coñecemento que teñen do territorio.
Polo tanto, dende Manifesto Miñor consideramos que nesta lexislatura a Mancomunidade debe dotar ao GES dos recursos suficientes para poder ofrecer un servizo de calidade e en condicións óptimas; iso pasa por que o Goberno da Mancomunidade nomee un responsable político específico para o GES co obxecto de organizar e xerarquizar o servizo e velar polo correcto funcionamento do mesmo durante os vindeiros catro anos.
Xa que logo, no vindeiro pleno da Mancomunidade, Manifesto Miñor defenderá unha moción para instar á institución supramunicipal a realizar todas as actuacións necesarias para o nomeamento urxente dun responsable político entre os membros do actual Goberno da Mancomunidade para este mandato (a ser posible mantendo o mesmo criterio para os vindeiros mandatos).
Val Miñor, 1 de marzo de 2023
Manifesto Miñor