Manifesto Miñor considera prioritario dotar de servizos as parroquias e atender as demandas básicas da veciñanza antes que seguir comprando inmobles sen unha finalidade concreta

No Pleno do mércores 13 de decembro, o goberno municipal trouxo un punto sobre a sinatura dun convenio coa Xunta de Galicia para a compra do Café de Lis por un importe de 270 000 euros, no centro da Vila de Gondomar. Dende Manifesto Miñor, consideramos que o incremento patrimonial de Gondomar non pode hipotecar o futuro do noso concello. Ao noso modo de ver, esta operación provoca un agravio comparativo coas parroquias, que vén como as súas prioridades quedan sen atender por facer un novo investimento na Vila. Xa que logo, decidimos non apoiar a proposta do señor Alcalde e votar en contra da adquisición do Café de Lis neste momento.

Hai dous anos e medio (agosto de 2021), o Concello de Gondomar adquiriu por Casa Peralba por 400 000 euros, tamén cun préstamo sen xuros de 300 000 euros do Instituto Galego de Vivenda e Solo que temos que devolver en 8 anos (a razón de 37 500 euros anuais). Agora ben, aparte dalgunhas actuacións menores e o arboricidio perpetrado por don Paco Ferreira, Casa Peralba segue sen actividade e, mentres agarda unha rehabilitación integral, caeu o tellado do canizo ou hórreo que está a carón da construción principal.

Nesta liña, cómpre ter en conta o estado no que actualmente se atopa o Café de Lis, pois como ben se advirte no informe dos técnicos municipais, “no expediente de adquisición do inmoble debe valorarse non solo o prezo de adquisición senón unha estimación do custe de rehabilitación e, sobre todo, do custe de mantemento, dado que a adquisición de patrimonio leva consigo uns gastos inherentes propios ao inmoble que deberán terse en conta a efectos de poder comprobar que dita adquisición é viable economicamente e sostible financeiramente ao longo do tempo”. Para Manifesto Miñor, Gondomar non pode ser unha axencia inmobiliaria, comprando sen criterio construcións que logo están sen uso ou que corren o risco de derrubarse e que hipotecan durante tantos anos ao Concello.

Aparte dos 37 500 euros anuais que xa pagamos por Casa Peralba, agora hai que sumarlle outros 33 750 do Café de Lis; é dicir, que nos próximos 6 anos imos pagar uns 70 000 euros anuais por dúas construcións ás que hai que engadirlle os custos de rehabilitación que non estaban contemplados nas propostas do señor Ferreira e que, en calquera caso, van endebedar aínda máis as arcas municipais.

Por outra banda, queremos denunciar que novamente os investimentos deste Goberno municipal ignoran as demandas das parroquias, que vén como as súas necesidades máis básicas non son atendidas. Por citar só unhas poucas: desenvolvemento dunha rede de saneamento en todas as parroquias (e servizo de baleirado de fosas sépticas), arranxo de camiños e vieiros, beirarrúas na parroquia de Borreiros, comedor en todas as aulas do CRA Antía Cal (investimento que o señor Ferreira anunciou en campaña electoral), aulas matinais e conserxes nos colexios do Concello, banco de alimentos e atención das familias en situación de emerxencia social, reforzo do CIM…

Gondomar somos 10 parroquias con moito por facer, aínda que as prioridades do señor Ferreira e do seu Goberno van por outra vía.

 

En Gondomar, 16 de decembro de 2023.

Manifesto Miñor.

Decembro 18, 2023

Etiquetas: , , ,