APOIO Á DIVERSIDADE SEXUAL E DE XÉNERO E ÁS REIVINDICACIÓNS LGTBI (moción)

logo MMExposición de motivos:

O día 28 de xuño celebramos o nacemento do movemento social e reivindicativo dos dereitos do colectivo LGTBI, con motivo do aniversario das revoltas de 1969 en Greenwich Village (Nova York) nas que a comunidade homosexual neoiorquina se enfrontou á opresión e persecución de persoas gais, lesbianas e transexuais por parte das institucións e da sociedade.

A lexislacións actuais en moitos países criminalizan o colectivo LGTBI

Corenta e sete anos despois deste fito histórico na loita polos dereitos humanos, debemos seguir apoiando e loitando a prol dos dereitos e liberdades da poboación LGTBI; o aumento dos delitos de odio LGTBIfóbicos, a serofobia e a exclusión sociolaboral de persoas seropositivas, a exclusión e marxinación das persoas transexuais así como as lexislacións actuais en moitos países (que criminalizan o colectivo LGTBI), etc. son indicios claros de que aínda temos moitas moito traballo por facer no ámbito da diversidade sexual e de xénero.

No estado español, a pesar dos avances da sociedade actual, sobre todo a partir da aprobación da Lei 13/2005 na que se recoñece o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, o colectivo LGTBI segue a ser obxecto de continuos actos discriminatorios, moitas veces de carácter violento (delitos de odio).

No ano 2015, se observa unha duplicación dos casos de menores que sufriron delitos de odio por orientación sexual ou identidade de xénero

A Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (FELGTB) vén de publicar o seu Informe sobre delitos de odio e incidentes discriminatorios por orientación sexual e identidade de xénero en no Estado Español para o ano 2015, no que se pode observar unha duplicación dos casos de menores que sufriron delitos de odio por orientación sexual ou identidade de xénero con respecto ao ano anterior. Este colectivo, as mozas e mozos vítimas de actos de odio, de acoso ou ciberacoso, nomeadamente no ámbito socioeducativo, constitúe un grupo especialmente vulnerable.

Falta de referentes LGTBI no ámbito galego

En Galicia, malia ser aprobada a LEI 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, a situación do colectivo LGTBI segue a ser preocupante. Neste senso, hai que ter en conta a falta de referentes LGTBI no ámbito galego que actúe de contrapeso á ideoloxía difundida dende o heteropatriarcado e a invisibilización de moitas persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais, especialmente no rural.

Os gobernos municipais teñen a obriga de favorecer a normalización do feito homosexual e transexual no ámbito local

Xa que logo, cremos que os gobernos municipais teñen a obriga de contribuír decididamente á visibilización das reivindicacións das persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais (LGTBI) e favorecer así a normalización do feito homosexual e transexual no ámbito local e a supresión de prexuízos retrógrados, LGTBIfóbicos e serofóbicos difundidos tradicionalmente dende a ideoloxía heteropatriarcal. Dende o local temos que apostar por avanzar cara unha situación real de igualdade, liberdade e respecto da diversidade sexual e de xénero.

Por todo o exposto, propón á Corporación Municipal adoptar os seguintes ACORDOS:

  1. Instar á Xunta de Galicia á creación dun Observatorio Galego contra a LGTBIfobia que proporcione asesoramento legal e apoio psicolóxico ás vítimas de delitos de odio homofóbicos, bifóbios e transfóbicos.
  2. Instar á Xunta de Galicia a aprobar unha Lei contra os Delitos de Odio onde se recollan, entre outros, os actos de odio de base homofóbica, bifóbica, transfóbica e serofóbica, co seu correspondente réxime sancionador. Esta lei, en todo caso, servirá de complemento á Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.
  3. Instar á Xunta de Galicia a introducir a perspectiva de diversidade no currículo académico de todos os niveis, que recolla de forma realista e proporcionada a diversidade afectivo-­‐‑sexual, de xénero e familiar existente na sociedade actual.
  4. Instar á Xunta de Galicia a desenvolver campañas efectivas de igualdade e diversidade nos centros educativos, destinadas tanto ás mozas e aos mozos como ás familias, que favorezan a visibilización e a non discriminación das persoas LGTBI.
  5. Fomentar o asociacionismo LGTBI no Concello.
  6. Colocar a bandeira arco da vella (símbolo de diversidade, da liberdade sexual e de xénero e das reivindicacións do colectivo LGTBI) durante a semana do 28 de xuño no balcón do Concello para simbolizar o firme compromiso desta Corporación Municipal coa loita a prol da diversidade, da liberdade afectivo-­‐‑sexual e de xénero e da loita a prol dos dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais.
Xuño 2, 2016

Etiquetas: , ,