Abandono no PUNTO LIMPO de Gondomar

Punto Limpo de Gondomar

Abandono, abulia, desidia ou apatía poderían ser os cualificativos que poderían asociarse á xestión do punto limpo de Gondomar.

Desde comezos de Agosto a compañía que tiña adxudicada o servizo, avisou documentalmente por vía administrativa das dificultades crónicas que viña sufrindo a empresa que entraba en concurso de acredores e que hipotecaban o seu futuro, e por tanto, abandonaba o servizo ao concello de Gondomar. O 24 de setembro a empresa SOIL RECORVERY S.L., volvía a dirixirse ao concello para instalo con urxencia á execución subsidiaria do servizo do PUNTO LIMPO, así como á subrogación dos contratos de traballo vixentes, axuntando todo o soporte legal no que se baseaban estas peticións, tanto ordenamento xurídico tanto das leis de contratos de servizos públicos, como das directivas europeas laborais.

Nada disto fixo o Concello de Gondomar; tampouco adxudicou o servicio a outra empresa, nin sequera llo fixo público aos veciños que desinformados, se atopaban coas portas nos fociños, cando ían levar materiais.

O goberno de Gondomar deixa, irresponsablemente, a xestión do Punto Limpo en mans de persoas que non teñen formación sobre o tratamento dos residuos sólidos.

Mentres x veciñx concello de Baiona, afectado pola mesma situación e pola creba da mesma empresa, procuraba una solución cunha adxudicación provisional a FCC, a Alcaldía de Gondomar, deixaba paralizado o servizo, afirmando que era imposible solucionar temporalmente o problema, como forma de chantaxe para tratar de obrigar ás forzas políticas a que votasen favorablemente a proposta empresarial, na que a Alcaldía estaba interesada.

Con tres meses de retraso por incapacidade de xestión, o concello de Gondomar vai abrir de novo o Punto Limpo, esta vez con persoal que nada sabe de temas de residuos sólidos, nin puntos limpos. Obrigará a traballar neste lugar a desempregadxs que veñen de ser contratados polo plan de deputación aos que previamente non formou.

Dende Manifesto Miñor defendemos a importancia dos puntos limpos como elementos centrais da reciclaxe e do tratamento de RSU nos concellos do Val Miñor.

Un Punto Limpo é un pilar fundamental da reciclaxe, por ocuparse de produtos que poden ser perigosos para a saúde ou para o medio ambiente. Un goberno verdadeiramente sensible a este tema tería feito un proxecto de modernización do Punto Limpo de Gondomar máis ambicioso, que contemplase a ampliación e o aproveitamento de materiais con maior reutilización.

A desesperante desidia na acción de goberno ten agora consecuencias tamén económicas. O Punto Limpo acumula entre 300 e 400 colchóns (que pesan unha media de 40kg, cada un); é preciso evacualos mediante a contratación dun transporte pagado, que se rexe por tarifas en función do peso en kg. Se esta xestión se fixese no seu momento, cando estaban secos, o prezo do servizo, sería moito menor. Agora enchoupados de auga, xs gondomaresxs teremos que pagar un custe moi superior, polo abandono, abulia, desidia ou apatía do noso concello.

Gondomar, 12 de novembro de 2018

Xosé Antón Araúxo Rodríguez

Concelleiro de Manifesto Miñor

Novembro 13, 2018

Etiquetas: ,