A Praza de Abastos de Gondomar en precario: xs praceirxs seguen sen ter as concesións dos seus postos case un ano despois de ter rematado o proceso de adxudicación

O 17 de agosto de 2020, o BOP-PO publicaba o anuncio segundo o cal se abría un novo período para a licitación da concesión de 28 postos na Praza de Abastos de Gondomar polo tempo que restaba, é dicir, un día. Así o ordenaba o xuíz en sentenza firme ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Vigo.

Agora, pasado un ano dende que os tribunais deixaran en evidencia as manipulacións e as mentiras que o Sr. Ferreira lles contara aos praceiros e ás pracerias coa única intención de volvelos contra os socios do seu propio goberno (MM), resulta que, a día de hoxe, o asunto das concesións supostamente tramitadas non está resolto. Non hai constancia de que tal tramitación se fixera por parte do Concello, encontrándose TODXS XS PRACEIRXS SEN TER AÍNDA A DOCUMENTACIÓN DAS DEVANDITAS CONCESIÓNS NAS SÚAS MANS.

Como é de supoñer neste momento a preocupación dentro do colectivo dxs praceirxs é moi grande, e así nolo fixeron chegar a Manifesto Miñor. Considérano un engano máis por parte do Alcalde, pois nesta situación están totalmente desprotexidos legalmente fronte a calquera contrariedade que se puidera producir. Se temos en conta que están a piques de comezar unha serie de obras no interior da Praza de Abastos, que mesmo poden conlevar cambios na ubicación da maioría dos postos, esta precariedade inducida polo propio Goberno Municipal fai que xs praceirxs perdan capacidade reivindicativa fronte a discrecionalidade do Sr. Alcalde e a súa actitude habitual de “mando y ordeno”.

Para Manifesto Miñor trátase dunha actitude chantaxista por parte do Alcalde e do Goberno Municipal, que podería incluso lindar coa prevaricación administrativa ao reter uns expedientes sen xustificación e con fins espúreos.

De todo isto que agora denunciamos publicamente, pediremos explicacións no vindeiro pleno sen descartar poñer estes feitos en coñecemento da Fiscalía.

 

En Gondomar, a 6 de agosto de 2021.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Voceiro de Manifesto Miñor.

Agosto 7, 2021

Etiquetas: , , ,