A empresa concesionaria da recollida de RSU e da xestión do Punto Limpo engana e estafa, presuntamente ao concello e á veciñanza de Gondomar ao tratar como lixo ordinario os residuos reciclables
O 30 de agosto de 2017, o Pleno do Concello de Gondomar aprobou cos votos do PSOE-PP-IxG (actual Ciudadanos), o “Prego de cláusulas administrativas particulares” (PCAP) e o “Prego de prescricións técnicas” (PPT) que ían rexer o concurso público para adxudicar a recollida de RSU do Concello de Gondomar e a xestión do Punto Limpo. A devandita adxudicación foi aprobada no Pleno de 18 de outubro de 2018 a favor de “ECOGONDOMAR UTE” formada por FCC e INGESER ATLÁNTICA. Todo isto por un montante inicial de 744 950€/ano (IVE incluído) e por un período de 4 anos prorrogables a dous máis. A realidade do custe total que vai supoñer ás arcas municipais a adxudicación, sumándolle o canon de SOGAMA, sobardará o 1 125 000€/ano, cos incrementos legalmente estipulados nos devanditos pregos e cláusulasde administrativas. Pois ben, a eses cálculos que daquela xa dixeramos que non eran acertados por estaren feitos sobre a base dun censo de habitantes pouco axustado á realidade, igual que as distancias e os percorridos, entre outros asuntos, haberá que sumarlle agora a suba dos combustibles e outros gastos afectados pola actual coxuntura socioeconómica xeral; isto pode levar en breve ao Goberno Municipal a ter que subir o recibido da recollida de RSU nunha cuantía considerable, probablemente a máis do dobre do custe actual. A maiores, por se isto non quedase claro, a “Ley 7/2022, de 8 de abril, de residuos y suelos contaminados para una economía circular” no seu articulado dá un prazo de tres anos dende a súa entrada en vigor, é dicir até o ano 2024, para adaptar os custes do servizo da recollida dos RSU, entre outros, aos custes reais do mesmo.
A xestión eficiente e sustentable do Punto Limpo de Gondomar como alternativa a Sogama.
Á vista da complicada situación descrita e do que a propia Lei ordena, non é moi dificil deducir, tal coma sempre defendeu Manifesto Miñor, que a única maneira de ir reducindo a recollida de RSU e facendo prescindible SOGMA, co conseguinte aforro ás arcas muncipais, é optimizando e ampliando as prestacións que ofrece o “Punto Limpo”, mesmo sería conveniente ir pensando na construcción dun novo, que ben podería ser de xestión mancomunada para todo o Val de Miñor. Isto unido a campañas informativas sostidas no tempo e á promoción constante da compostaxe colectiva e individual, podería albiscar un horizonte moito máis asumible no económico e, sobre todo, en termos de sustentabilidade.
Tanto no debate plenario da aprobacións das devanditas cláusulas administrativas e de prescripcións técnicas, como no de adxudicación da recollida de RSU e da xestión do Punto Limpo á empresa “ECOGONDOMAR UTE” formada FCC e INGESER ATLÁNTICA, dende o Grupo Municipal de MM-EM fixemos fincapé na contradición evidente entre os dous “negocios”: o da recollida de RSU que “vive” da produción masiva dos mesmo e o Punto Limpo que precisamente ten como obxectivo principal reducir, reciclar e reutilizar os RSU que xeramos os cidadáns, evitando o “circuíto SOGAMA” da incineración con todo o que iso significa de contaminación ambiental. Deciamos daquela que o feito de ser a mesma empresa quen xestionara as duas cousas era como poñer a raposa a gardar o galiñeiro.
Unha simple leitura das memorias anuais de xestion do Punto Limpo ás que tivemos acceso poderían dar a entender que o cen por cen de todos os residuos que chegan ao P.L. son tratados acorde coas diferentes normativas existentes, é dicir, que ningún deses residuo dos que alí entran pode acabar mesturado ou no mesmo camión que os RSU ordinarios. Por exemplo, aqueles que no seu día eran clasificados como rechazos ou impropios, teñen que ser tratados aparte por xestores autorizados aínda que isto supoña un custe adicional á empresa que xestiona o P.L.
A empresa que xestiona o Punto Limpo (“ECOGONDOMAR UTE” formada FCC e INGESER ATLÁNTICA) carga no mesmo camión que o lixo ordinario todo tipo de residuos que deben ser tratados aparte (residuos inclasificables, colchóns, alfombras, etc.).
Pero como sempre a realidade é teimuda e o negocio prima sobre calquera outra cuestión medioambiental, o seguimento que dende MM lle fixemos ao P.L. dende que a nova concesión botou man del até hoxe demostrou que todos os residuos non valorables que os cidadáns levamos pola nosa conta ao P.L., aforrándolle importantes custes á empresa e ao Concello, son tratados coma lixo ordinario e cargados nos mesmos camións da recollida ordinaria que todos os mércores de cada mes fan unha “parada” no P.L. a cargar. É dicir, van para SOGAMA mentres o Concello paga a factura por unhas toneladas de lixo que terían que estar fóra dese circuito. Por se esa presunta estafa que o Concello presuntamente consente por activa ou por pasiva fose pouco, nos mesmos camións da recollida ordinaria que fan esas “visitas” dos mércores ao P.L. para cargar eses impropios, cargan tamén con total impunidade centos de colchóns, moitos deles tamén levados ao P.L. polo propios cidadáns. Aquí a presunta estafa é máis grave, pois reciclar un colchón é posible facelo case na súa totalidade como indican as normas e directivas europeas que exiten a tal efecto (todo isto está gravado en varios videos feitos por MM).
Chegado a este punto, o Concello ten a obriga moral e política de actuar contra esta presunta estafa da UTE concesionaria que se burla do civismo da veciñanza de Gondomar que fai o esforzo por usar correctamente o P.L. O Goberno Municipal debe actuar con contundencia, investigar estes feitos, suspender a empresa concesionaria a xestión do P.L. e poñer estes feitos en coñecemento da Fiscalía. Pois ben, todo isto vai na moción que MM presentou e que será debatida no Pleno do vindeiro martes día 22.
En Gondomar, 22 de xullo de 2022.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.