Aclaracións de Manfiesto Miñor sobre sentenza do Barrio da Pedra

En resposta ás declaracións realizados sobre este asunto por parte do Sr. Alcalde, D. Paco Ferreira, a diferentes medios de comunicación, dende Manifesto Miñor e como portavoz do Grupo Municipal, queremos facer públicas as seguintes aclaracións:

O saneamento do Barrio da Pedra é unha demanda veciñal e un compromiso do goberno no que participamos

1º.- O saneamento do Barrio da Pedra (Morgadáns) é unha obra demandada pola veciñanza do barrio dende hai máis de 30 anos, por ser de extrema necesidade, mesmo, para atallar o grave problema de salubridade pública que alí existe.

2º.- Nesa idea, o Pleno da Corporación Municipal de Gondomar acordou por unanimidade o 15 de febreiro de 2018 (co voto a favor do Sr. Ferreira) incluíla no Plan Concellos da Deputación Provincial 2018-2019; O Alcalde non fixo malia ese acordo e o seu voto favorable.

3º.- Unha vez fracasados todos os intentos de consensuar o Plan Concellos co Alcalde, que desprezou as nosas propostas (socios de goberno); de comprobar como se burlaba dun acordo plenario unánime sobre unhas obras urxentes e necesarias, a Manifesto Miñor non nos quedou outra alternativa que recorrer á Xustiza, pois ese foi o noso compromiso público coa veciñanza do Barrio da Pedra. Perder un preito e ter que pagar as costas (400.-€) por actuar con coherencia na defensa do interese xeral, para nós é un motivo de orgullo, e anunciamos que seguiremos loitando por ese proxecto ata que se realice, pois o problema persiste por moito que o Sr. Ferreira se alegre polo “éxito” dunha sentenza favorable aos seus intereses partidistas, que non veciñais. Ou é que pensa que unha sentenza xudicial libérao de resolver o gravísimo problema do saneamento da Pedra?

O proxecto que presentamos tiña os trámites administrativos realizados e os informes sectoriais solicitados

4º.- O proxecto de obra e os diferentes trámites administrativos estaban realizados e aprobados dende o ano 2009 cando a Alcaldía de Antonio Araújo, que foi quen puxo en marcha con decisión este o asunto. Feitas as consultas aos diferentes organismos sobre a vixencia, ou non, dos informes sectoriais de 2009, houbo que os volver solicitar, cousa que se fixo chegando favorable o de Augas de Galicia e estando pendente o de Patrimonio que, con data 5/11/2018 solicitou máis documentación técnica. Pois ben, a teor do relatado polo xuíz na sentenza, dedúcese que a devandita documentación non foi presentado polo Sr. Ferreria que gora pretende culpabilizar da súa neglixencia a quen xa non estaba nesa altura no goberno municipal, pois fomos expulsados do mesmo o 20/10/2018. Di a sentenza: “…lo que queremos decir es que la comunicación remitida desde Patrimonio en noviembre del 2018 demuestra que no ha habido novedad al respecto, es decir, que por la demandada-demandante, no se ha cumplido con aquellas determinaciones en la presentación de la nueva solicitud”. Obviamente refírese á demandada, toda vez que os demandantes ao estarmos fóra do goberno era imposible a remisión de ningún tipo de documentación oficial a Patrimonio. Por certo, as bases do Plan Concellos da Deputación Provincial, permitían presentar os proxectos sen os informes sectoriais aprobados, aínda que si solicitados, cousa que se cumpría perfectamente. Onde está, xa que logo, a neglixencia do concelleiro?

5º.- Por último, recomendámoslle ao Sr. Ferreira, que deixe de manipular as sentenzas xudiciais e que aprenda a interpretalas, que para iso presume de avogado. En todo caso, o único relevante da sentenza é o fallo. Que vén a dicir que inadmite o recurso contencioso-administrativo presentado por Antonio Araújo en representación de MM, pola ausencia de lexitimidade activa, é dicir, unha cuestión formal, que no caso de ser o recorrente un veciño da Pedra, por exemplo, se cadra o resultado sería outro. En todo caso a reivindicación continua e MM vai estar aí ata que as obras se fagan. Agora xa non ten desculpa, Sr. Ferreira: proxecto feito, informado, maioría absoluta, Deputación….En Gondomar, a 25 de Xullo de 2019.

Asdo. Antonio Araújo Quintas.

 Portavoz de Manifesto Miñor.

Xullo 27, 2019