Resposta do Concelleiro de Urbanismo de Gondomar ás ameazas da Xunta ante a paralización das obras do pozo de bombeo

Concelleiro Urbanismo[Comunicado do 17 de decembro de 2015 do Concelleiro de Urbanismo e Tenente de Alcalde do Concello de Gondomar, Antonio Araújo, sobre as ameazas da xunta ante a paralización das obras do pozo de bombeo]

Fronte ás ameazas e intimidacións da Xunta e Augas de Galicia, o Concello de Gondomar reponde coa legalidade urbanística e co sentido común.

 

Quen construíu unha rede de saneamento ineficiente

A responsabilidade da contaminación da parte baixa do Río e da Foz do Miñor é de quen construíu unha rede de saneamento ineficiente, sen separación das pluviais, e unha EDAR mal dimensionada na que verten Zamáns, o CUVI e parte de Valadares-A Garrida (Vigo).

Velar pola legalidade urbanística e a validez dun acordo plenario tomado sen os informes preceptivos ou cos técnicos municipais “secuestrados” nas súas funcións, coma foi o caso no ano 2010, tamén era obriga principal da Xunta de Galicia.

Por riba de todo, velar pola legalidade urbanística

O Goberno Galego, por medio de Augas de Galicia, volve, unha vez máis, con novas  ameazas contra o Concello de Gondomar polo asunto do tanque de tormentas/pozo de bombeo. Unha intimidación que raia no obsesivo é impropia dunha Administración que entre as súas obrigas está o diálogo institucional, o acordo entre administracións públicas  e, por riba de todo, velar pola legalidade urbanística, como cumpriría neste caso.

Dende cando un goberno da Xunta pode dar por válido un acordo plenario absolutamente irregular (e presumiblemente nulo de pleno dereito) tomado sen os informes e a documentación preceptiva? Dende cando se pode construír unha obra destas características nunha zona urbana clasificada como zona verde? Pois ben, dende a Concellaría de Urbanismo recomendámoslle a Augas de Galicia e á propia Xunta  tranquilidade e que lean con calma e sen prexuízos partidistas os argumentos xurídicos e técnicos que presentou o Concello de Gondomar na orde de paralización.

A contaminación é provocada pola EDAR de Donas

En Gondomar estamos dispostos ao  diálogo neste asunto, co ánimo de mellorar de verdade e con sentido común a rede de saneamento municipal. Pretender responsabilizarnos da contaminación da Foz ou do Río Miñor é un exercicio calumnioso e impropio dun goberno serio e responsable, sobre todo cando sabe perfectamente, como o resto do Val Miñor, que a contaminación á que se refiren é provocada pola EDAR de Donas mal dimensionada e de xestión autonómica na actualidade e por unha rede principal do saneamento mal construída.  Por certo, unhas obras realizadas pola Xunta.

Por último, insistimos unha vez máis na aplicación do sentido común neste proxecto,  que di que as augas fecais deben ir separadas das pluviais e caer por gravidade e que sempre será mellor investir os cartos públicos neste tipo de actuacións, e non en estacións de bombeo que bombean cara arriba, para despois volver bombear cara abaixo, coa conseguinte hipoteca de por vida para as arcas municipais e para todaa veciñanza.

O Concello de Gondomar, como non podería ser doutro xeito, actuará dende a legalidade e as indicacións dos servizos técnicos e xurídicos municipais, o sentido común e a defensa do interese xeral, pois as obras pretendidas non resolverán en absoluto a contaminación da Foz e do Río Miñor.

En Gondomar, a 17 de decembro de 2015.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Concelleiro de Urbanismo e Tte. De Alcalde de Gondomar.

Decembro 17th, 2015

Etiquetas: ,