Recortes do Partido Popular na sanidade pública: o Centro de Saúde de Gondomar leva case un mes sen servizo de Pediatría
Gondomar, 13 de novembro de 2025.- Máis de mil nenos e nenas de Gondomar (arredor de 1100) levan case un mes (dende o pasado 20 de outubro) sen o servizo de pediatría que se dá no Centro de Saúde da Vila. A pediatra titular está de baixa e aínda non foi substituída polo SERGAS. Esta circunstancia está a provocar que estes nen@s teñan que ser derivados a outros pediatras da Comarca, que, ao estaren xa saturados, complícalle aínda máis a exercicio da profesión, por non falar do feito de que as familias teñan que se desprazar coas crianzas ao Centro de Saúde da Xunqueira (o Val Miñor), Panxón, etc., co que iso implica de contratempo á hora de conciliar, na tardanza das citas, etc.
A non substitución do persoal sanitario e non sanitario nos centros de saúde é unha constante, consecuencia dos recortes na sanidade pública que, unhas veces de maneira evidente e outras de xeito máis disimulado, está levando a cabo o goberno do PP na Xunta de Galicia. Con isto queremos dicir que non se trata dunha “maldición bíblica” ou de algo inevitable que “ten que ser”.
Dende Manifesto Miñor facemos un chamado á cidadanía en xeral a denunciar estes feitos e a participar nas mobilizacións que veñen convocando as plataformas sociais en defensa da sanidade pública e, sobre todo, a non resignarse, xa que esta situación ten responsables políticos, como xa dixemos.
Manifesto Miñor puxo esta situación en coñecemento dos responsables do SERGAS, así como do Alcalde de Gondomar, para que dentro das responsabilidades de cada un, se movan e resolvan canto antes este asunto tan grave.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.
Portavoz municipal de MM