Paco Ferreira demostra unha actitude covarde ao incumprir o acordo plenario para dar explicacións públicas sobre a situación do proxecto das beirarrúas na estrada entre O Telleiro e A Esparela, en Borreiros

No Pleno do pasado 19 de decembro de 2024, o concelleiro de Manifesto Miñor, Antonio Araújo, presentou unha moción na que se solicitaba a comparecencia do Alcalde no seguinte Pleno ordinario, que se tiña que ter celebrado no mes de xaneiro (aínda que Paco Ferreira, tan pouco amigo da democracia, non o convocou), para explicar a situación das beirarrúas na estrada entre O Telleiro e A Esparela, na parroquia de Borreiros. Naquel Pleno solicitábase tamén a comparecencia, se así o consideraba o señor Ferreira, do persoal técnico encargado de redactar o proxecto.

Pois ben, a pasada semana recibiamos a convocatoria do Pleno ordinario do mes de febreiro e descubrimos que na orde do día non viña recollida a comparecencia do señor Ferreira nin do persoal técnico encargado da redacción de ningún dos proxectos, nin do primeiro, onde se recollían tres alternativas para consensuar unha coa veciñanza, nin do segundo, que, soubemos polos medios de comunicación, que entregou hai unhas semanas á asociación de veciñxs da parroquia. Tampouco no Pleno do pasado xoves Don Paco Ferreira amosou ningunha intención de comparecer, desprezando, unha vez máis, un acordo plenario e o traballo da oposición.

O Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais establece, como se pode ler a continuación, a obrigatoriedade de comparecer se así o decide o Pleno. Paco Ferreira tamén despreza a lei.

Art. 105.

1. Todo miembro de la Corporación que por delegación del Alcalde o Presidente ostente la responsabilidad de un área de gestión, estará obligado a comparecer ante el Pleno, cuando éste así lo acuerde, al objeto de responder a las preguntas que se le formulen sobre su actuación.

2. Acordada por el Pleno la comparecencia mencionada en el apartado anterior, el Alcalde o Presidente incluirá el asunto en el orden del día de la próxima sesión ordinaria o extraordinaria a celebrar por la Corporación, notificando al interesado el acuerdo adoptado y la fecha en que se celebrará la sesión en que deberá comparecer. Entre esta notificación y la celebración de la sesión deberán transcurrir, al menos, tres días.

Dende Manifesto Miñor, non entendemos esta actitude covarde e antidemocrática do señor Ferreira, quen sistematicamente se nega a dar explicacións, tanto ao grupos da Corporación Municipal como á veciñanza. Xa o demostrou hai uns días coa veciñanza de Vincios, ao ignorar o convite da Comunidade de Montes a unha asemblea coa conselleira de Industria para abordar a solución ao Polígono d’A Pasaxe, e volve demostralo agora ao non comparecer en sesión plenaria para dar explicacións públicas sobre a situación do proxecto de mellora da circulación entre O Telleiro e A Esparela.

Á vista dos últimos acontecementos, e como don Paco non quere dar a cara diante dxs veciñxs, a parroquia de Borreiros terá, como “castigo” por ter o atrevimento de se mobilizar reclamando algo xusto, que se conformar cun remendo de 66 000 euros cheo de lombos, uns cantos sinais verticais e entubar os regos que hai polas cunetas. No proxecto que se lle presentou á asociación de veciñxs de Borreiros, non figuran nin beirarrúas elevadas, para que a veciñanza poida camiñar polas beiras da estrada sen correr perigo, nin outras actuacións que serían moi necesarias. Para Manifesto Miñor, o Alcalde e o PSOE de Gondomar seguen a xogar coa seguridade viaria da veciñanza de Borreiros. 

Reclamamos públicamente que o señor Ferreira abandone a covardía, impropia dun Alcalde con maioría absoluta grazas a promover a corrupción política e ao transfuguismo, e dea as explicacións oportunas sobre a verdadeira situación da estrada entre O Telleiro e A Esparela  no vindeiro Pleno ordinario.

En Gondomar, 8 de febreiro de 2025.

Manifesto Miñor

Febreiro 8, 2025

Etiquetas: , ,