Os recheos no porto de Baiona son un atentado contra o medio ambiente que pon en risco o litoral do Val Miñor
Val Miñor, 8 de maio de 2025.- En Manifesto Miñor temos memoria colectiva e sabemos das ganas que lle teñen os que manexan os fíos da especulación na Comarca á Baía de Baiona dende hai moitos anos. Se puidesen farían un recheo até Panxón, cunha lagoa no medio e ficando as novas ribeiras convertidas nunha urbe tipo Benidorm. O primeiro disparate foi a construción do espigón a carón de Monte Boi, que coa desculpa de lle dar abrigo ao clube de iates, alterou considerablemente as correntes marítimas de toda ría, deixando as praias con apenas capacidade de auto-rexeneración.
Despois veu o ensanche da estrada que une Baiona coa Guarda, tamén sobre recheo. Naquela altura, casualmente esqueceron reclamar a supresión das peaxes da AG-57 para que funcionase coma circunvalación á Vila. Por suposto, xa daquela os paseos marítimos se construían con impactos mínimos sobre a beiramar.
E, por último, no ano 2007, tamén con grande polémica, a empresa RONAUTICA procedeu ao recheo de 4000m2 de lámina de mar criando o segundo porto deportivo de Baiona, é dicir, unha zona de uso exclusivo para as persoas propietarias dos amarres de iates e negocios vinculados aos mesmos. Daquela quedou pendente, pola oposición social, a construción das zonas comerciais previstas no proxecto. Agora, co novo proxecto de recheo de 4200m2 que vén de facerse público, completárase a primeira fase do devandito porto deportivo, cos conseguintes locais comerciais, negocios privados, etc. que non puideron facerse no 2007.
Se a isto lle sumamos a incomprensible privatización e recente “modernización” do cámping da Ladeira, podemos afirmar que á faixa litoral de Baiona pouco lle queda para ser totalmente de uso privado e vetada á veciñanza de Baiona e, en xeral, da comarca miñorá. Dende o noso grupo, consideramos un retroceso a privatización da nosa costa, como pretenden as persoas promotoras do recheo para ampliación do porto deportivo de Baiona.
En Manifesto Miñor temos o convencemento de que se conseguen, como parece, desenvolver esta actuación na vila de Baiona, o seguinte paso será volver á carga coa construción do campo de golf na parroquia de Baredo. Daquela conseguirían completar o crebacabezas dun negocio multimillonario alleo á veciñanza de Baiona, que sería expulsada dos seus lugares de residencia de toda a vida, e dun impacto especulativo brutal, ademais de ser letal para o medio ambiente do Val de Miñor.
Semellante actuación non só cambiaría a peor a fisionomía da fachada marítima da Baía de Baiona, senón que implicaría un fortísimo impacto negativo na biodiversidade mariña, no cambio total das mareas na contorna, que como consecuencia inmediata terían a desaparición das praias do Val de Miñor, que pasarían a ser “artificiais” con aportes de area cada ano para “pasar o verán”, por non falar da desaparición para sempre do importante legado arqueolóxico que sen dúbida agarda baixo as augas ser rescatado para coñecer mellor a nosa Historia.
Manifesto Miñor, candidatura de unidade veciñal do Val de Miñor