O goberno municipal rexeita a proposta de Manifesto Miñor para destinar máis fondos municipais para atender situacións de emerxencia social como consecuencia da guerra
Como consecuencia da guerra ilexítima promovida pola extrema dereita mundial baixo pretextos peregrinos, a nosa vida cotiá vaise ver resentida polo incremento do custo da vida.
Gondomar, 2 de abril de 2026.- As guerras son un fracaso palmario como sociedade, e porque non dicilo, como especie humana. E mentres os promotores se enriquecen con ganancias desorbitadas, a xente do común sufre a destrución, o dolor e a morte, por moito que as retransmisións da guerra “en vivo e en directo” pretendan facer da mesma unha sorte de videoxogo banalizando o horror de millóns de persoas. Pois ben, esta guerra ilexítima e cruel, e a súa onda expansiva, xa nos está afectando como sociedade galega en diferentes aspectos da nosas vidas máis cotiás, como pode ser a cesta da compra, a corriente eléctrica, os combustibles, etc.
Para paliar os efectos ás persoas ou aos sectores prudutivos máis vulnerables, o Goberno do Estado puxo en marcha unha serie de medidas, que para nós son necesarias pero insuficientes. Posteriormente, o Goberno Galego puxo tamén unha serie de recursos, a todas luces irrisorios, para combater o incremento de prezos. Pois ben, dende Manifesto Miñor entendemos que, no exercicio das súas competencias e posibilidades, tamén os concellos teñen que atender as necesidades da súa veciñanza, pois son as administracións municipais a primeira porta á que chama. E isto aínda que haxa que renunciar a gastos suntuosos ou de pouca urxencia. Por enriba de todo debe estar a solidariedade coa veciñanza máis desfavorecida.
A proposta que Manifesto Miñor presentou no pleno do pasado 1 de abril estaba clara: en previsión das consecuencias que a guerra en Oriente Medio poita ter, demandabamos suplementar a través de calquera das fórmulas de modificación de crédito existentes con 100 mil € a maiores do dispoñible neste momento nas áreas de atención social de competencia municipal. Banco de alimentos, axudas ao pago da corriente, alugueiros, fármacos de pago, libros, comedores escolares, transporte, etc.
Malia que a nosa proposta estaba clara, o señor Ferreira alegou que en Gondomar non había problemas de emerxencia social salientables, negando mesmo que as consecuencias da guerra teñan incidencia no noso concello. Resulta incomprensible como un Alcalde do PSOE, que publicamente se declara socialista, amose tan pouca conciencia social e tan pouca empatía coa veciñanza que está xa padecendo as consecuencias do incremento do custo da vida. Para Paco Ferreira as prioridades son outras e están nas políticas do bonito: non obstante, aprobouse no pleno de onte, coa única abstención de Manifesto Miñor, unha partida orzamentaria para a humanización da contorna de Casa Peralba e Café de Lis.
Manifesto Miñor