O goberno municipal de Gondomar vota en contra de mellorar o acceso ao CEIP Chano Piñeiro

Gondomar, 5 de decembro de 2025.- Dende hai máis de dúas semanas, o acceso peonil ao CEIP Chano Piñeiro leva case un mes inhabilitado polo derrubamento do valado pouco consistente que descorre paralelamente o vieiro que sube ao centro como consecuencia das fortes chuvias de novembro. A solución provisional proposta proposta polo Concello (a creación dun corredor no propio vieiro e a limitación de acceso rodado a transporte escolar, profesorado e familias de alumnado con problemas de mobilidade) non convence á comunidade educativa, que leva anos denunciando a necesidade de mellorar o acceso a un centro educativo que, na actualidade, conta con arredor de 400 alumnos e alumnas.

Diante da preocupación da comunidade educativa e a sensación de inseguridade das familias que teñen que levar camiñando aos nenos e ás nenas polo correror habilitado polo Concello, dende Manifesto Miñor presentamos unha moción para tratar de conseguir unha solución definitiva ao problema. Pois ben, no Pleno de onte solicitamos que se desenvolva a construción dun sistema de contención de terras que garanta a seguridade de toda a comunidade escolar, que se proceda ao ensanchamento do vieiro de acceso ao centro e, sobre todo, que se realicen as xestións necesarias para darlle continuidade ao vieiro de acceso ao centro, de tal xeito que teña saída a estrada d`A Ramallosa. Tal e como manifestamos no debate plenario, o vindeiro período de Nadal era o momento máis acaído para comezar coas tarefas de mellora do vieiro, toda vez que non interrompería as actividades lectivas ao non haber tráfico de entrada e saída do centro.

Malia que a nosa proposta contaba co apoio da comunidade educativa do CEIP Chano Piñeiro e toda a oposición votou a favor de que se desenvolvesen as actuacións necesarias para garantir a seguridade viaria no acceso ao CEIP Chano Piñeiro, o PSOE e a concelleira non adscrita votaron en contra da nosa moción. Non é a primeira vez que don Paco Ferreira e o goberno municipal mostran a súa falta de compromiso co ensino público, máis nesta ocasión é aínda máis grave pois deixa nunha situación de risco a ducias de familias que non teñen enriba da mesa unha solución definitiva, máis alá dun anuncio nos medios de comunicación de dubidoso cumprimento.

Hai un mes, o señor Alcalde instaba á Deputación de Pontevedra a realizar obras na estrada da depuradora para construír unha senda peonil que mellorase o tránsito a pé, mais elude a súa responsabilidade, pois trátase dun vieiro de titularidade municipal, cando estamos falando de garantir a seguridade viaria para acceder a un centro educativo. Mágoa que don Paco Ferreira non sexa tan dilixente cando ten que asumir as súas competencias e investir en obras básicas para a veciñanza do concello.

Manifesto Miñor

 

Decembro 5, 2025

Etiquetas: , ,