O goberno do Señor Ferreira perdeu unha subvención do “Ministerio de Vivienda, Movilidad y Agenda Urbana” de 548.578,74€ cuns xuros de 42.470,27€

Gondomar, 18 de outubro de 2025.- Non é a primeira vez que dende Manifesto Miñor denunciamos a habilidade do Sr Ferreira para disfrazar de xestión exitosa o que non é máis que abusar indiscriminadamente dos remanentes (aforro), ou ”ordenar” a dedo a execución dun investimento que realizan outras administracións alí onde o Alcalde entende que lle é máis rendíbel eleitoralmente ou onde lle dá máis locemento persoal. Agora ben, as cousas cambian cando se trata de xestionar, negociar, consensuar proxectos e investimentos con outras administracións con tempos, prazos e pautas fóra do seu control. Aquí é onde se ve ás claras a incapacidade do Sr. Ferreira deixando ao decuberto a súa política de postureo e de selfies, na que é un experto. Sirvan como exemplos as obras da drenaxe do Río Zamáns para evitar as enchentes na Vila ou o enfrontemento artificial coa Consellaría de Industria e Economía polas achegas de recursos financieiros para complementar o orzamento das obras da primeira fase do Polígono Industrial d ́A Pasaxe. Por certo, tamén é denunciable a ocultación deste feito tan grave dende o ano 2023 e que agora coñecemos pola obriga de entregar os decretos e as resolucións antes dos plenos.

Todo isto resulta moito máis grave se temos en conta que o Sr. Ferreira, malia contar cunha oposición municipal propositiva e dialogante, que presenta en cada Pleno ducias de iniciativas de todo tipo, despreza todas esas propostas por sistema, moitas veces sen sequera reparar nelas. Incluso aquelas que el mesmo aproba, despois pasan a durmir o sono dos xustos nos caixóns da Alcaldía. Mellor lle iría a Gondomar se o Sr. Alcalde atendera en positivo as nosas propostas e, obviamente,  as que lle fan dende o movemento veciñal. En fin, el saberá. O resultado de tanta prepotencia é a perda de oportunidades que serían moi relevantes á hora de mellorar a calidade de vida da veciñanza de Gondomar e de aumentar os nosos recurso de todo tipo.

Agora, vimos de coñecer un novo caso de falta de xestión por parte do señor Ferreira. Trátase dun caso de extrema gravidade, pois entre os decretos do mes de outubro atopamos que unha subvención do Ministerio de Vivenda y Agenda Urbana, por importe de 548.578,74€, ingresado nas arcas municipais en xuño de 2023 para actuacións en edificios públicos municipais, nin foi investida nin foi devolta, polo que agora toca devolvela á requirimento do Ministerio xunto cunha penalización de 42.470,27€, en concepto dos xuros producidos nese período de dous anos. Nin sequera todos os vídeos ou selfies de propaganda que produce a “factoría Ferreira” van poder agochar tanto desleixo.


O Sr. Ferreira, como mínimo, debería pedir disculpas públicas e explicar con detalle os motivos de semellante desleixo. Dende Manifesto Miñor, esixirémoslle explicacións no vindeiro pleno de novembro.

Antonio Araújo Quintas,

Voceiro de Manifesto Miñor.

Outubro 18, 2025

Etiquetas: , ,