O aguinaldo de Paco Ferreira: unha suba da taxa do lixo do 73,76%

Venres, 26 de decembro de 2026.- Non conforme con semellante despropósito, que perpetrou o pasado día 24, agora pretende convencernos, a base de propaganda, das bondades desa suba empregando sen rubor as medias verdades e a demagoxia, nas que o señor Ferreira é un especialista.

Unha aprobación sen diálogo nin vontade de acordo.

Desde Manifesto Miñor, lembramos que a necesidade de adaptar a taxa á Lei 7/2022, de residuos e solos contaminados, era coñecida polo goberno municipal desde o ano 2022, tal e como llelo advertimos reiteradamente nos plenos municipais. Con todo, o alcalde decidiu abordar esta modificación de maneira tardía, precipitada e sen negociación, escollendo ademais datas especialmente sensibles para esquivar as críticas.

Di o Sr. Ferreira que a  aprobación definitiva da taxa foi  grazas ao seu voto de calidade debido á ausencia dunha concelleira do goberno. Minte, pois a concelleira ausente foi a concelleira non adscrita, Rocio Cambra. Todo iso nun contexto cheo de sospeitas, aumentadas por non habilitar a participación telemática, cuxa posibilidade estaba prevista expresamente na convotatoria do pleno. Ao final perdeuse a última oportunidade para elaborar unha taxa máis racional e xusta. A primeira ocasión fora no pleno do 3 de novembro, cando a abstención do BNG permitiu que se aprobara inicialmente o devandito “taxazo”, sabendo que Paco Ferreira non ía negociar nada nin admitir alegación dos grupos municipais ou da veciñanza, como quedou claro no pleno do 24 de decembro; sobre todo, sabendo que xa tiña garantido o voto que precisaba (por incomparecencia) para sacar o asunto adiante.

Esta maneira de proceder debería ser coñecida por toda a corporación municipal, pois é a práctica habitual de don Paco Ferreira durante todo o seu mandato: non negociar, non dialogar, non acordar… en definitiva, as clásicas prácticas caciquís de toda a vida. Volveu demostrar a súa incapacidade para o diálogo, rexeitando todas as alegacións presentadas pola veciñanza e polos grupos municipais. Mesmo se atreveu a insinuar no pleno que as alegación da veciñanza estaban manipuladas polos grupos da oposición, coma se estas persoas fosen menores de idade ou sen criterio propio.

Unha taxa inxusta e exclusivamente recadatoria

Manifesto Miñor non se opón á existencia nin á actualización das taxas municipais. O que denunciamos é que esta taxa:

1.- Ten un carácter claramente recadatorio, sen aplicar o principio europeo de “quen contamina paga” e que non incentiva a redución de residuos.

2.- Non distingue entre servizo prestado, obrigando a pagar o mesmo a veciñanza con distinto acceso ou calidade na recollida, ao eliminar criterio da distancia aos colectores.

3.- Reforza un modelo obsoleto e ambientalmente insostible, baseado no envío masivo de residuos a SOGAMA, en lugar de apostar pola redución, reutilización e reciclaxe

O Punto Limpo, unha oportunidade desaproveitada.

Para reducir o custo da taxa é imprescindible diminuír as toneladas enviadas a incineración. Para iso, o Punto Limpo debería funcionar como un servizo realmente incentivador, autónomo da recollida ordinaria e cun sistema de bonificacións eficaz. Manifesto Miñor propuxo unha bonificación mínima do 40 % polo seu uso, proposta que foi ignorada polo goberno municipal.

Manifesto Miñor continuará defendendo un sistema de taxas máis xusto, progresivo e ambientalmente responsable, ao servizo da veciñanza de Gondomar.

Asdo.:  Manifesto Miñor

Decembro 26, 2025

Etiquetas: , ,