Manifesto Miñor propón solicitar fondos Next Generation para a recuperación da Fábrica da Luz de Pegonegro a fin de constituír unha comunidade enerxética
Gondomar, 15 de outubro de 2025.- Temos coñecemento a través de diversos medios oficiais e de comunicación que as Institucións dependentes da Unión Europea veñan de advertir ao Goberno Galego do risco da perda de 300 millóns de euros, un 17% dos fondos Next Generation asignados a Galicia, de non se tramitaren antes de agosto de 2026. Se a maiores xa sabemos, cunha aproximación bastante exacta, do gasto anual de consumo eléctrico municipal, que sobarda o millón de euros, coidamos que agora xa non hai excusas para volver sobre o asunto da creación dunha comunidade enerxética liderada polo Concello tomando como base a infraestrutura que é a Presa de Pego Negro.
A Presa de Pego Negro foi construída entre os anos 1907-1908 no Río Zamáns por D. Laureano Salgado coa finalidade de subministrar electricidade a Baiona, Gondomar, A Ramallosa e a outros lugares do Val de Miñor. Posteriormente, en 1923, despois de rematadas as obras de ampliación da presa para aumentar a súa capacidade, pasa a formar parte da “Sociedad General Gallega de Electricidad” en 1929. A través desa concesionaria funcionará até 1957, cando é comprada por FENOSA.
A día de hoxe sábese da finalización da concesión e faltaría por confirmar a titularidade da infraestrutura, é dicir, se é propiedade de UNION-FENOSA ou revertiu a Augas de Galicia xunto coa caducidade da devandita concesión.
Pois ben, resulta evidente que, na actualidade, sería posible aproveitar esa infraestrutura con mínimos custes medioambientais e importantes beneficios sociais e económicos ao abeiro dos Fondos Next Generation da UE. A fórmula sería a dun “proxecto singular de comunidades enerxéticas”. Se, a maiores, temos en conta que a concesión sobre a infraestrutura principal xa finalizou no ano 2023 (BOPPO de 12 de xullo de 2023), sería urxente poñerse a negociar con Augas de Galicia como punto de partida, e mesmo ofrecerlle participar do proxecto.
O “Informe Estratéxico para a Transformación de Galicia”, vinculado aos fondos Next Generation, publicado en marzo de 2021, destaca, entre as prioridades, a transición ecolóxica, reservando para tal fin máis do 37% dun total, aproximadamente 440,86 millóns de euros.
Somos conscientes que se trata dun proxecto cunha certa complexidade, sobre todo burocrática e de tramitación, mais tamén que o elemento ou infraestrura principal, é decir, a presa, leva máis de cen anos construída e cremos que nun estado aceptable para volver facer uso dela. Cremos tamén que encaixa perfectamente dentro dos supostos subvencionables recollidos nos devanditos Fondos (até un máximo dun millón de euros) e que os beneficios serían evidentes, tanto para as arcas muncipais polo aforro significativo na factura eléctrica, como polo feito de ser unha iniciativa pioneira e simbólica como sería a constitución dunha comunidade singular enerxética pública e liderada por un concello.
Consideramos que esta iniciativa é máis que pertinente nos tempos que corren e, como xa se dixo, debido a súa complexidade cómpre non perder máis tempo e poñerse a traballar na mesma se así o aproba o Pleno da Corporación Municipal. Por todo o exposto, propoñemos un acordo para iniciar, coa máxima urxencia, posible os trámites e negociacións pertinentes (estudos, informes, proxectos, etc.), ben por parte dos servizos técnicos municipais, a través dunha asesoría externa ou mesmo da Universidade de Vigo, ou dunha combinación de ambas, co obxecto de presentar canto antes, perante os organismos pertinenentes, a recuperación da “Fábrica da Luz” de Pegonegro como unha comunidade singular enerxética.
Manifesto Miñor