Manifesto Miñor presenta unha proposta para a construción de vivenda pública en Gondomar
Dende Manifesto Miñor vimos de presentar unha moción, para debater no vindeiro Pleno de febreiro, co obxectivo de poñer a disposición da Xunta de Galicia terreos para a construción de vivenda de promoción pública no noso concello.
Unha das grandes demandas da sociedade actual está vinculada á carencia de vivendas asumibles fóra do circuíto especulativo e cuxas consecuencias xa estamos a padecer como sociedade, sobre todo nos ámbitos máis urbanos ou interurbanos pola imposibilidade do acceso a unha vivenda digna de amplos sectores da sociedade, principalmente a mocidade, que ve imposible independizarse con todo o que iso conleva de problemática social e de frustación colectiva.
No que vai de ano diferentes concellos da Comarca anunciaron o inicio de xestións nesa dirección: Baiona, Nigrán, O Porriño, etc. E mentres eses concellos promoven a construción de vivendas de promoción pública, o goberno municipal de Gondomar está ausente dese debate, cando é precisamente o Concello de Gondomar o que ten mellores condición para levar a cabo este tipo de iniciativas.
Aínda que Gondomar carece de PXOM en vigor, sen que a aprobación do mesmo estea no horizonte do medio ou longo prazo, para Manifesto Miñor isto non debería ser impedimento para comezar as xestións que leven á construción de vivendas de promoción pública. Isto sería posible se o Concello de Gondomar vai da man da Xunta (IGVS), aproveitando as posibilidades legais que existen a través da figura urbanística dun “Proxecto de Interese Autonómico” dádo que a xustificación do interese social e supramunicipal é máis que evidente e está abondo xustificado.
A día de hoxe o Concello de Gondomar conta cun solar de propiedade municipal con todos requisitos e condicións urbanas para tal finalidade. Falamos da finca anexa a “Casa Peralba”, de aproximadamente 3000m2 de superficie, coma quen di no centro da Vila de Gondomar.
Confiamos que o Pleno de febreiro aprobe esta iniciativa e se inicien sen demora os trámites e as xestións necesarias, así como as conversas coa Xunta para facer realidade esta demanda social tan importante. Para Manifesto Miñor, o destino preferemente das vivendas construídas debería ser en alugueiro e cun marcado carácter social. En resumo, temos o solar axeitado, existen as ferramentas legais para facelo e só falta a vontade política do Alcalde e do Goberno Municipal para sacalo adiante. Por nós non vai quedar.
En Gondomar, 26 de xaneiro de 2026.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.
Concelleiro e portavoz municipal de Manifesto Miñor.