Manifesto Miñor presenta Recurso de Reposición contra a aprobación do convenio entre o Concello e o Consorcio da Zona Franca de Vigo por ser lesivo para os intereses municipais e ir contra o interese xeral, así como polos riscos financeiros e as probables ilegalidades urbanísticas que contén

No devandito convenio non se fai mención do campo de fútbol de Vincios e da vivenda dunha familia que leva máis de 40 anos en terreos que están no Polígono.

Para Manifesto Miñor, trátase dunha aprobación que deixa a quen votou a prol da mesma no límite da prevaricación administrativa ou dunha malversación de cartos públicos.

Gondomar, a 29 de xullo de 2025.- Como vén sendo costume duns meses para acó, nada máis rematar o Pleno, ao gabinete de prensa da Alcaldía faltoulle tempo para saír vender urbe et orbi os “éxitos” logrados polo Sr Alcalde. Tamén é habitual que os devanditos anuncios queden case sempre nunha “vendida” de fume ou en medias verdades, que aínda é peor. 

Tal foi o acontecido co anuncio feito por D. Paco Ferreira referido ao Pleno do pasado 9 de xullo, onde ademais de anunciar coma un “feito histórico” a aprobación do Convenio entre o Concello de Gondomar e Consorcio da Zona Franca de Vigo, arreáballe estopa a todos os grupos da oposión por votarmos en contra dese “feito histórico”, que segundo el vai supoñer un investimento de máis de 33 millóns de € e a consolidación da segunda fase do Polígono Industrial d´A Pasaxe. Velaquí a primeira pregunta: porque grupos tan dispares ideoloxicamente votaron en contra de algo supostamente tan beneficioso? E, a segunda pregunta: por que se nos presenta un convenio de semellante embergadura case con nuturnidade e aleivosia sen, cando menos, falar antes entre os portavoces da Corporación Municipal? Por non lle dar, nin lle deu o tempo legalmente establecido á Intervención Muncipal para poder analizar de vagar o devandito Convenio (10 días segundo ao art. 10.2 do RD 424/2017) como denuncia a propia Interventora no seu informe. 

O Grupo Municipal Manifesto Miñor vén de presentar Recurso de Reposición contra o acordo plenario que aprobou o convenio entre o Concello de Gondomar e o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) para xestionar a Fase II do Polígono Industrial d´A Pasaxe. O recurso alega vulneracións da legalidade urbanística, riscos para as contas públicas e falta de transparencia no proceso.

Resumindo estes son os motivos:

1.- Cesión gratuita ilegal do aproveitamento urbanístico: A cláusula número catro do convenio permite ao CZFV obter beneficios sen compensación económica para o Concello, incumprindo a Lei 2/2016 do Solo de Galicia (art. 30), que esixe xustificación por medio de informes preceptivos dos técnicos muncipias, que neste caso non existen, para realizar estas cesións gratuítas. En todo caso, ao Concello de Gondomar viríalle ben contar cunha parcela no Polígono para no futuro construír as instalcións que tanto necesitamos e que poidan albergar maquinaria, material de obras, vestiarios, oficinas, etc.

2.- Riscos financeiros para o Concello: O informe da Intervención Municipal alerta de que o convenio obriga a Gondomar a asumir posibles indemnizacións millonarias (Cláusula Nº14) sen garantías de capacidade financeira, vulnerando a Lei de Estabilidade Orzamentaria. Renuncia a ingresos por taxas (ICIO, licenzas), sen asegurar que se cubran os custos

3.- Falta de informes esenciais e opacidade: Non se presentaron os informes técnicos ou xurídicos completos que avalen as cifras ou a legalidade das cláusulas. Aprobouse cun tempo insuficiente para unha análise rigorosa (art. 10.2 do RD 424/2017). Igualmente, os membros da Corporación Municipal non tivemos tempo de analizar axeitadamente o convenio por falta de tempo.

4º.- Defensa do interese público fronte ao privado (art.130 da Constitución Española): O CZFV é unha entidade con ánimo de lucro e non é unha Administración Pública, como pretendeu facernos crer o Sr. Ferreira na defensa dun convenio que deixa ao Concello sen ferramentas para protexer o patrimonio municipal.

En Manifesto Miñor, agardamos que por unha vez o Goberno do Sr. Ferreira faga un exercicio de sentido común e se aveña a consensuar este asunto tan importante para Gondomar con todos os grupos da Corporación Municipal, cos empresarios e propietarios do Polígono d´A Pasaxe e, sobre todo, coa CCMM de Vincios. Só deste xeito a segunda fase do Polígono irá adiante deixando a salvo o interese xeral e o ben común.

 

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Portavoz municipal de Manifesto Miñor

Xullo 31, 2025

Etiquetas: , , ,