Manifesto Miñor denuncia un novo atentado contra o ensino público por parte do Partido Popular e demandará o desdobramento dunha aula de 27 alumnas e alumnos no CEIP Souto-Donas

Gondomar, 7 de xullo de 2025.- No ano 2023, a Consellería de Educación chegou a un acordo con diversas organizacións sindicais no que se estipulaban diferentes medidas para ir reducindo as ratios progresivamente nas etapas de Educación Infantil e Educación Primaria. Segundo se estipulaba no devandito acordo, as ratios máximas serán de 20 alumnos e alumnas, comezando no presente curso en 4º de Educación Infantil. Asemade, estipulábase que aquelas aulas que, ao comezo da aplicación progresiva da redución de ratios, tivesen entre 20 e 25 alumnos e alumnas non verían incrementado o número.

Naquela altura, antes das eleccións galegas de 2024, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia adquiriu compromiso de facer desdobramentos naqueles casos onde se superase a ratio fixada ao comezo do curso 2024/2025. Agora, coa matrícula para o curso 2025/2026 practicamente pechada, vimos de coñecer que no CEIP Souto – Donas, por diversas circunstancias, vai haber en 2º de Educación Primaria un grupo con 27 alumnos e alumnas. Trátase dun número que supera a ratio legal anterior ao Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente da Comunidade Autónoma de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, máis tamén supón un incumprimento por parte da Consellería do propio acordo, ao non respectar a ratio fixada para ese grupo ao comezo da aplicación progresiva da redución de ratios.

Segundo nos informan familias do propio centro, a Inspección Educativa informou de que non se farán desdobramentos en aulas que non superen os 28 alumnos e alumnas, unha medida que, fóra doutras consideracións, é un claro incumprimento dos acordo aos que o propio goberno da Xunta de Galicia chega coa representación legal das traballadoras e traballadores do ensino público. Non nos sorprende: as galegas e os galegos xa estamos acostumad@s a que o Partido Popular incumpra sistematicamente a súa palabra, mais o grave deste asunto é que supón un ataque directo á calidade do ensino público.

Dende Manifesto Miñor, consideramos intolerable esta situación, pois impide unha atención adecuada das necesidades dos nenos e das nenas dese grupo e, polo tanto, pode condicionar o seu futuro académico. Entendemos tamén que os servizos públicos hai que defendelos dende todos os ámbitos, pois está máis que demostrado que o goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia é máis partidario das privatizacións e dos concertos con empresas privadas.

Xa que logo, dende o noso grupo queremos defender un ensino público de calidade, polo que levaremos a Pleno unha moción para demandar que a Consellería de Educación cumpra os acordos adquiridos e proceda ao desdobramento da aula de 27 alumnos e alumnas de 2ºEP no CEIP Souto-Donas para o curso 2025-2026, ao tempo que reclamaremos a dotación dos recursos necesarios para atender adecuadamente as necesidades do alumnado do centro.

 

Xullo 7, 2025

Etiquetas: , ,